O polígono da Tomada abrirá a súa escola infantil o próximo ano

Ana Lorenzo Fernández
a. lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Esta gardería converterase na primeira pública da Pobra

20 novs 2018 . Actualizado ás 13:16 h.

Despois de acumular varios atrasos, a escola infantil do parque industrial da Tomada está máis preto de converterse nunha realidade. De feito, as obras de construción do edificio están xa moi avanzadas e, segundo apuntou o presidente dos empresarios do polígono, Manuel Durán, «o obxectivo é que estean finalizadas antes de que acabe o ano para que comece a funcionar no 2019». O que aínda está por determinar é se abrirá as súas portas durante este curso, ou se xa se agardará ao próximo setembro.

Esta gardería converterase na primeira do municipio pobrense de titularidade pública, e terá capacidade para un total de 41 nenos de entre cero e tres anos. Ademais, tamén será a única escola infantil de toda a comarca que se sitúe nunha zona industrial, xa que forma parte dun proxecto impulsado pola Xunta para facilitar a conciliación aos veciños que traballan nestas áreas empresariais.

Fondos Feder

Durán calculou que a execución deste proxecto roldará os 260.000 euros, gran parte dos cales serán achegados pola Consellería de Política Social procedentes dun plan de axudas que dispón de fondos Feder.

A nova escola infantil está situada nunha parcela de usos dotacionais situada na segunda fase do polígono da Tomada. Nun principio, o centro contará con tres aulas, unha por cada tramo de idade, aínda que no futuro podería ampliarse se a demanda crece. O edificio disporá de cociña propia, despensa, así como varias zonas de xogos para os máis pequenos.