O hipocondríaco

Estevo Silva Piñeiro SOSPEITOSO HABITUAL

BARBANZA

19 novs 2018 . Actualizado ás 17:36 h.

Os meus amigos; os meus queridos amigos aos que estraño tanto e tantas veces, e aos que desexo volver ver en circunstancias propicias (léase sen nenos e con ganas de cruzar o Rubicón) saben como ninguén, fóra da miña sufrida compañeira, as xenerosas trazas de hipocondríaco que posúo.

De feito, hoxe tiña pensado queimar as naves da miña ampla e vermella flota de novo pero teño que contarlles, e xa de paso previrlles, do que esta pasada noite me aconteceu. Levo varios días cun curiosísimo fenómeno na parte traseira da coxa da miña perna esquerda, como non. De súpeto, e sen previo aviso, sobrevénme unha calor verdadeiramente estraña, como cando nos achegamos a unha estufa no inverno. Isto, se me permiten o oxímoron, déixame frío.

Con todo, non podo dicir que me moleste, de feito ás veces é mesmo agradable, pero evidentemente non é normal. Así que, estúpido de min, fixen o que non se debe facer: consultei en Internet. O primeiro que viron os meus ollos foi a palabra trombosis (bo nome para un grupo de Death Metal) e créanme se lles digo que o susto chego a acadar a cualificación premium. Esta vez o que me sobreveu foi un pequeno bajón de tensión de pura impresión ao ver á parca sobrevoar a miña cabeza. Non é doado convivir comigo mesmo, créanme. Un novo aplauso á miña compañeira, por favor.

Pero bo, o que quero dicir é: coidado con Internet, que o carga o diaño. Xa non soamente co autodiagnóstico ou as fake news in crescendo. Pénseno cada vez que usen o pagamento virtual; lembren ao comercio do seu barrio. Ah, e usen o corrector, por favor.