Arrestado o autor dun roubo con agresión ocorrido nun bar do Malecón de Ribeira

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O detido roubou 300 euros en metálico e varias botellas de licor e agrediu á dona do establecemento

17 novs 2018 . Actualizado ás 17:50 h.

Hai apenas unha semana, a propietaria dun bar situado na avenida do Malecón de Ribeira era asaltada por detrás cando se dispuña a abrir o establecemento hostaleiro, do que o ladrón subtraeu 300 euros en efectivo, así como varias botellas de licor. Con todo, o máis grave foi que arrastrou polos pelos á muller, á que tamén lle propinou dúas fortes puñadas no costado. Os datos facilitados pola vítima aos axentes da Policía Nacional permitiron identificar e deter a este home, veciño do concello e de 34 anos, que xa foi posto a disposición xudicial acusado de ser o presunto autor dun delito de roubo con violencia.

Ademais, nos últimos días, os membros da comisaría de Ribeira tamén conseguiron resolver outro suceso ocorrido a semana pasada, cando unha persoa estaba a ingresar 1.000 euros nun caixeiro automático dunha entidade bancaria. Un individuo achegouse e aproveitou un descoido para furtar do cajetín 800 euros, e acto seguido darse á fuga.

Tras interpor a correspondente denuncia, iniciouse unha investigación que acaba de finalizar co arresto dun veciño da capital barbancesa, de 45 anos de idade, ao que se lle imputa ser o suposto autor dun delito de furto. Tanto este individuo como o outro detido contan con numerosos antecedentes policiais.