Os avogados advirten da precarización da súa profesión

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O descenso da actividade e a proliferación de despachos favorece a guerra de prezos

17 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante moito tempo considerouse aos profesionais do dereito un colectivo acomodado e mesmo elitista, cun nivel de vida superior ao do cidadán medio, pero esa imaxe está bastante afastada da realidade que viven actualmente os letrados, ou iso é polo menos o que responden os avogados da comarca cando se lles pregunta pola situación dun gremio que advirte da progresiva precarización da súa profesión.

Apuntaba nesta dirección o delegado do Colexio de Avogados da Coruña no partido xudicial noiés, Manuel Blanco Ons, que profundaba na idea da importancia de pór en valor a súa actividade: «A xente cre que estamos para resolver cuestións que son puro trámite cando non é así, o que facemos forma parte dun mecanismo que se basea na aplicación da lei e nun coñecemento profundo da lei, e iso hai que valoralo». Neste sentido, sinala que esta percepción devaluada da profesión acrecéntase polo exceso de profesionais, que implica inevitablemente guerras de prezos: «Somos moitos e, loxicamente, hai quen está disposto a facer un traballo por debaixo da tarifa con tal de ter labor».

Sobre este particular pronunciouse tamén o decano do Colexio de Avogados coruñés, Augusto José Pérez-Cepeda, de visita en Ribeira co gallo de a celebración da Señora do Patrocinio: «De moitos xeitos si hai unha precarización da profesión, hai grandes empresas que están a impor prezos abusivos, moi por baixo, e competencia non se está ocupando delas, cando ao final están monopolizando o sector».

Depreciación da actividade

Esta situación contribúe a devaluar a profesión, algo no que concorda Fernanda Álvarez, delegada dos avogados de Ribeira, aínda que matiza que o máis importante non é a perda de prestixio, «senón que estamos a falar de que a defensa é unha necesidade social». Álvarez é rotunda, «sen defensa non hai liberdade», e xa que logo incide na importancia da rigorosidade no seu exercicio.

Outros avogados da comarca consultados sobre este asunto coinciden en que é evidente a precarización da súa actividade e apuntan dous factores fundamentais. O primeiro é a diminución da actividade, a crise económica provocou que cada vez se vaia menos aos despachos para resolver segundo que cuestións. Un profesional boirense explicaba que os cidadáns acoden aos letrados «en temas imprescindibles, pero en cuestións polas que antes si se litigaba agora intentan resolverse por outras vías. A xente pon nunha balanza o que lle custará o proceso e o beneficio que obterá». Aí entra a segunda cuestión, o custo. Ao proliferar os despachos, búscase a mellor oferta económica e «non se pon en valor o noso traballo».