Muros, Rianxo e Noia recibirán 212.000 euros para obras nas áreas de rehabilitación integral

La Voz

BARBANZA

19 oct 2018 . Actualizado ás 09:21 h.

A firma dun total de 54 convenios de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e 35 concellos recibiu onte o visto e prace do Consello da Xunta. Entre os concellos incluídos figuran os tres da comarca que contan con áreas de rehabilitación integral: Muros, Noia e Rianxo, que percibirán un montante de 212.000 euros para o desenvolvemento de actuacións.

Con este paso dáse luz verde para que a Consellería de Medio Ambiente e as Administracións locais poidan sentar as bases do acordo. No caso muradán e noiés, o ámbito das intervencións será o comprendido nos seus respectivos centros históricos, mentres que no rianxeiro as áreas que poden beneficiarse da subvención son as de Rianxo, Rianxiño e A Fincheira.

Segundo os datos achegados no Consello da Xunta, no conxunto de Galicia os fondos elévanse en 5,4 millóns de euros con respecto á convocatoria anterior.

Desde a Administración autonómica subliñan que as áreas de rehabilitación «son unha peza fundamental na política de vivenda deseñada pola Xunta». Actualmente, na comunidade hai 69 áreas de rehabilitación declaradas en 41 concellos, ás que deben sumarse as que afectan ás distintas rutas do Camiño de Santiago, como o que discorre parcialmente por Mazaricos.

Gastos financiables

Ademais de obras de rehabilitación en inmobles, cos fondos tamén poden financiarse os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de xestión municipal.

Así mesmo, están incluídos traballos de demolición e edificación de vivendas de nova construción ou labores para a urbanización de espazos públicos. Os concellos deberán facer as convocatorias para que os veciños soliciten as axudas.