Ribeira únese para dar a cara contra o cancro de mama

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A xunta local da AECC impulsa un abano de actos con motivo do día mundial dedicado a esta enfermidade

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Lamentablemente, lonxe de diminuír, cada vez son máis os casos de cancro de mama que se detectan entre os veciños da comarca e, por este motivo, a xunta local ribeirense da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) envorcouse para que o día mundial dedicado a esta enfermidade sirva para remover conciencias «e recuperar o compromiso da sociedade con esta causa e con todas as persoas afectadas», sinalou onte a presidenta do colectivo, María José Carreira, que foi entrevistada pola farmacéutica Ana Rodríguez nos estudos de Radio Voz.

Baixo o lema Contigo, dámos a cara contra o cancro de mama, este venres colocaranse mesas informativas na rúa Rosalía de Castro (de 11.00 a 13.30 horas) e na lonxa (de 18.00 a 20.00), onde, ademais de repartir trípticos, poderase adquirir distinto material conmemorativo. Ás nove da noite, na praza do Concello, terá lugar a lectura dun manifesto a cargo de Pilar Dios, tesoureira da entidade, e Breixo Ventoso, familiar dunha afectada. O cantante Javi Maneiro tamén se sumará ao evento e interpretará varios temas. Entre eles, Quéreche ti, unha frase que tamén decorará un photocall.

Unha solta de globos servirá para finalizar este acto, aínda que o programa continuará o sábado co tradicional peditorio, e o domingo -ás 12.30 horas, na igrexa parroquial- cunha misa polos enfermos e falecidos, na que se contará coa música da Rondalla de Aguiño.

Cea pobrense

Por outro parte, hoxe é o último día para recoller as entradas para participar na cea solidaria que a xunta local da AECC na Pobra celebrará o venres, ás 21.30 horas, no restaurante Torre de Xunqueiras.