O prezo do polbo baixa por primeira vez en dous anos ao aumentar a oferta

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A pesar de rexistrarse unha baixada dun euro, a cotización na zona é das maiores de Galicia

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras ter acadado un prezo inimaxinable, o polbo emprendeu a senda do descenso, o que acaba cun período de dous anos de subidas ininterrompidas. Por agora, polo menos na comarca, a baixada é pouco significativa, sobre un euro de media, pero algúns xa prognostican que é un camiño imparable que situará ao cefalópodo en cotizacións «máis razoables». A pesar diso, os valores que o produto continúa acadando nas poxas de Ribeira, Lira, Muros e Porto do Son están entre os máis elevados de Galicia. Sobre as causas da desaceleración, diversos profesionais consultados apuntaron que hai un incremento da oferta no mercado autonómico.

Curiosamente, o prezo cae na época do ano na que o polbo é de mellor calidade, como recoñecen os naseiros consultados. Un profesional ribeirense asegura: «Collemos pezas máis grandes e teñen moi boa saída. É certo que o luns vendemos a 12 euros o que pasaba de dous quilos e agora págase un euro menos que hai un par de semanas. No pequeno notámolo menos, porque está a uns 8 euros».

Sen chegar ao tope

Con todo, os mariñeiros dedicados á súa captura están moi lonxe de chegar aos topes, que nesta época son de 50 quilogramos por tripulante e outros 50 por embarcación.

Segundo a información facilitada polos profesionais, en cada barco van un par de persoas, polo que poderían descargar 150 euros. Con todo, nas nasas adoitan recoller entre 70 ou 80 quilos.

Algúns mariñeiros subliñan que os temporais das últimas xornadas, despois dun prolongado período de estabilidade no mar, resultaron beneficiosos. Con todo, o panorama da pesqueira parece ser bastante desigual na zona.

Na confraría do Pindo, por exemplo, explican que boa parte dos seus barcos véndeno en Lira, onde as poxas son semanais, e adiantan que os prezos caerán aínda máis «porque é bastante pequeno e os compradores non o queren».

Tamén o secretario do depósito muradán, José Antonio Ramos, recoñece que hai maior cantidade de cefalópodo grande, pero matiza: «Aínda son máis as pezas de quilo que as que chegan aos tres».

Segundo os datos facilitados onte polas confrarías barbancesas, a cotización media das últimas xornadas oscila entre os 10,49 euros de Ribeira e os 10 de Muros. Actualmente, tomando como fonte a plataforma Pesca de Galicia da Consellería do Mar, só en Burela supéranse os 10 euros, mentres que nas restantes o valor está por baixo desa cantidade.

En canto ás cotizacións máximas, Burela e Ferrol chegaron aos 15 euros no que vai de mes, pero os datos da comarca tamén son moi bos, con prezos que superan os 12 euros.

Persoal da rula de Ribeira explica que a caída dos valores mínimos foi máis estrepitosa, chegándose aos 6 euros. Con todo, precisaron que estas son pezas pequenas ás que, ademais, fáltalles algún tentáculo.

Aínda que a demanda de cefalópodo incrementouse nos últimos anos de forma notable e no verán é moi elevada, é nesta época do ano cando maior cantidade de almacenistas adoitan acudir ás lonxas barbancesas en busca dun produto grande que poidan conxelar para a súa distribución.