Concepción Sande: Unha homenaxe ás mulleres do mar

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O seu primeiro libro repasa a historia das mariscadoras da ría de Muros-Noia

16 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde moi pequena, Concepción Sande Noya (Muros, 1967) coñeceu moi de preto o traballo que realizaban as mariscadoras, unha experiencia que mesmo viviu en primeira persoa, xa que tras acabar a carreira de Xeografía e Historia e non atopar emprego, pasou tres anos faenando nas praias. Agora quixo render a súa particular homenaxe a estas mulleres da ría de Muros e Noia, «que sempre foron as grandes esquecidas. Nunca se lles deu visibilidade e metíanas no mesmo saco co resto de traballadores do rural. Aínda que fala das mulleres de aquí, é unha realidade que pode extrapolarse a toda a costa galega».

O camiño para que o traballo Mariscadoras e campesiñas na ría de Muros-Noia vise a luz non foi nada sinxelo. A idea de comezar a investigar e a recompiar datos xurdiu no 2009 e un ano despois acababa de redactalo, «pero ao estalar a crise paralizouse». Agora, oito anos despois, puido ver a luz grazas ao apoio do GALP Costa Sostible e da Consellería do Mar. «É un libro que se enmarca dentro dos programas de igualdade de xénero, é un libro da nosa terra, dun grupo de mulleres que teñen como actividade mariscar, pero que non é o seu único traballo, porque tamén son campesiñas, costureiras, amas de casa...», apuntou a escritora, que para solicitar todos os datos entrevistou a un grupo de veciñas do núcleo muradán de Abelleira.

De feito, estas fontes orais foron un dos seus principais apoios e, segundo confesou, o que lle confire máis naturalidade a este traballo editorial, posto que se reproducen conversacións con elas. «Son mulleres moi maiores, nacidas no século XX, que narran como era o seu traballo. Por exemplo, contan como facían autostop e ían desde Muros a Noia en tractor para mariscar», apuntou. A escritora recoñeceu que, naqueles tempos, o diñeiro que conseguían por faenar supuña un importante soporte para a economía familiar. «Non paraban de repetir: ‘‘A praia quitounos moita fame e moita miseria’’».

Evolución

Ademais de retratar as condicións de vida destas traballadoras do mar, o libro tamén intenta facer un repaso da evolución do marisqueo, desde a prehistoria ata a actualidade. Segundo María Concepción Sande, na actualidade o sector «está agora mellor que antes, aínda que a maioría das mulleres segue tendo outros empregos polas tardes, amais de atender as súas casas».

Aínda que se avanzou moito no referente aos equipos de traballo para entrar no mar e ao transporte de marisco desde as praias ata a lonxa, a escritora considerou que é unha ocupación que aínda arrastra unha serie de taras. «Non teñen vacacións, nin teñen dereito a paro, segue habendo moita contaminación no medio produtivo, e o furtivismo é un problema moi importante», sinalou, ao mesmo tempo que aplaudiu que, a pesar de ser un oficio moi tradicional, foi moi áxil á hora de adaptarse aos novos tempos.

Experiencia persoal

O ter traballado no medio tamén lle serviu a Concepción Sande para coñecer moi de preto este sector. «Para min as principais vantaxes que ten é que ti es a túa xefa e os horarios fíxanos as mareas. Eu penso que é unha profesión no que o estrés é inexistente, aínda que é un traballo duro polas condicións e o esforzo que require», afirmou, para logo confesar que en varias ocasións pensou en volver faenar nas praias.

Despois de que por fin teña visto publicado este primeiro libro, a muradá xa prepara unha segunda parte, pero esta vez estará protagonizada polas mulleres do rural do interior de Galicia, «outras das grandes esquecidas», insistiu a escritora.

Formación. Concepción Sande é licenciada en Xeografía e Historia na rama de Archivística e Biblioteconomía.

Presentación. Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Rural, onte presentouse este libro na fábrica de Sel de Muros.