Rubén López: «O grupo humano é espectacular»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os de Barraña visitan ao Polvorín esta tarde, ás 17.30 horas, coa meta de encadear tres vitorias seguidas

07 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

En plena euforia colectiva, Rubén López (A Pobra, 1979) pide calma: «Isto acaba de comezar». Coñecedor de que no fútbol pasar da gloria ao inferno é cuestión de segundos, destaca que o compromiso do vestiario é total. Ilusión e traballo, afirma, son os piares que permitirán pelexar pola salvación en Terceira.

-Moitos pensaban que a estas alturas aínda estarían buscando a primeira vitoria.

-O club sufriu un reseteo total e o equipo partía como unha novidade. Éramos unha incógnita, pero sabíamos que non seríamos a Cenicienta da liga, senón que tiñan que gañarnos no terreo de xogo. Sabemos que a liga é moi complicada, pero debemos ter personalidade para seguir.

-Non acadaron grandes resultados na pretemporada. Chegou a ter dúbidas?

-Foi para nós un período de adaptación. Estábamos obrigados a competir, pero tamén a fortalecernos como grupo. Era un momento demasiado precoz para sacar valoracións.

-Que Boiro quere que se vexa sobre o céspede?

-O Boiro está vivindo unha nova vida e nós somos os protagonistas. Queremos que o afeccionado vexa un bloque con ilusión, con ganas de empurrar. Queremos ser agresivos, non terlle medo a ninguén e contar con varios rexistros. Debemos saber apertar arriba, xuntarnos e xogar o balón. O Boiro é un lugar de oportunidades, onde se pode progresar e iso tense que ver no futbolista. Non hai vacas sagradas, non temos xogadores que veñan a pasar o tempo. Creo que iso é o que máis valora o afeccionado.

-Barraña sempre estivo co equipo. Que lle diría?

-Que teremos instantes duros ao largo da temporada. Aí será o momento no que teremos que demostrar a nosa personalidade. Pedimos ao afeccionado que estea con nós neses intres. A competición é moi dura, vai custar moito. Salvar a categoría é o éxito máis grande que pode conseguir o club nos últimos anos. O ambiente de Barraña contra o Ourense, para calquera persoa que viva o fútbol, foi fantástico. A grada foi o xogador número 12 ou incluso o número 1.

-Confeccionaron un equipo con moito debutante na liga.

-Temos moi claro o rol de cara xogador. Este equipo é de todos. Os veteranos asumiron o papel de mostrarlle o camiño aos que viñan dos xuvenís ou doutras categorías. Changui, Óscar, Anxo, Paco, por exemplo, son o espello para os debutantes. O mellor de todo é que a predisposición deles é total.

-O ano pasado, cos vaivéns que houbo no primeiro equipo, non se contou con vostede.

-Traballei moi a gusto co xuvenil, con liberdade. Tratáronme moi ben. Agradezo a confianza da directiva entrante. Esta praza é complicada, pero teño moitas ganas de traballar.

-Que foi o que máis lle impresionou deste conxunto?

-O grupo humano é espectacular. É un pracer chegar a un adestramento e ver a recepción de tódolos futbolistas á hora de esforzarse. A súa capacidade para competir, para levantarse dos golpes. As cousas non saen por casualidade, se gañamos dous partidos no últimos minuto é porque se cree. Neste proxecto témolo claro, estamos todos para axudar e empurrar ata o último segundo.

-Visitan ao Polvorín. Que encontro se espera?

-Son un filial dun conxunto de Segunda División e levan dous ascenso seguidos. Está feito de xogadores de Terceira que destacaron nos pasados anos. Vamos alá co obxectivo de traer a vitoria para Boiro, pero temos que saber que se lles deixas tocar mátanche. A ilusión témola intacta, agora o que nos toca é seguir traballando como ata agora.