Mazaricos saldou a carencia de praia cunha piscina

La Voz

BARBANZA

alvite

O vaso formaba parte dunha gran área de lecer que foi inaugurada polo presidente da Deputación

23 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non ten praia, pero iso non é impedimento para que os veciños de Mazaricos se poidan dar un mergullo no verán desde hai 21 anos. En setembro de 1997 abría as súas portas no municipio unha piscina descuberta, enmarcada nunha gran área de lecer. O entón presidente da Deputación da Coruña, César Lendoiro, e o rexedor local, José Manuel Santos, inauguraban as instalacións nun acto que contaba coa asistencia de numerosos veciños.

A idea era ofrecer ás familias unha alternativa para gozar dun día de campo, con baño incluído. E é que a zona se completaba con parque infantil, espazos verdes e grelladas.

O Concello mazarico non tardou en sacarlle un partido extra ás instalacións, mediante a organización, cada verán, de cursos de natación para veciños de diferentes idades. E co fin de garantir que as clases puidesen impartirse mesmo con choiva, a piscina foi dotada dunha cuberta móbil que pode retirarse.