O Euromillones deixa en Muros un premio de 297.000 euros

Ana Lorenzo Fernández
Ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O propietario do cupón agraciado acertou os cinco números e unha estrela da combinación gañadora

23 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O sorteo do Euromillones do pasado venres puña en xogo un bote de 138 millóns de euros, unha suculenta cantidade coa que moitos soñaban, pero que finalmente non levou ninguén. Con todo, un boleto selado na administración número 1 de Muros, coñecida como A Domitila, converteuse nun dos dez en toda Europa que lograron acertar os cinco números da combinación gañadora e unha estrela (5, 7, 21, 25, 37- 3 e 4), e que foron premiados con 297.831 euros.

Manuel Maceiras, responsable do despacho de loterías muradán, explicou que descoñecía a identidade do afortunado, «porque normalmente cando hai un bote tan grande vén moita máis xente. O único que sei é que selou dúas apostas automáticas». Tamén recoñeceu que esta semana recibiron a visita de varios excursionistas procedentes de Málaga, Alacante e Cataluña, «que ademais da lotería de Nadal, tamén selaron o Euromillones, porque había moito diñeiro en xogo».

Máis alegrías

Esta non é a primeira vez que a administración muradá entrega un gran premio, posto que en xullo do 2006 selou un billete da Primitiva agraciado con 2,9 millóns de euros.

Ademais, cando aínda se falaba en pesetas, tamén repartiu 57 millóns entre un grupo de mariñeiros. «levaron unhas 600.000 pesetas cada un e foi estupendo», lembrou.