Perfecto Pampín: «As esperas de fisioterapia do Sergas en moitos casos non son asumibles»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

MONICA IRAGO

«Hai áreas sanitarias con menos profesionais que os que recomenda a OMS», afirma

23 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Perfecto Pampín Lado preside desde agosto do 2016 o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia. Promove o diálogo con institucións e entidades, para buscar máis visibilidade e posibilidades laborais: «Aínda se nos coñece pouco, podemos ofrecer moito máis», di. Onte celebraron en Santiago as xornadas galegas da profesión.

-Este verán compareceu no Parlamento de Galicia, como valora esa intervención?

-Chamáronnos para expor o noso punto de vista no manexo da discapacidade e a dependencia, unha área onde a fisioterapia debería estar máis presente, nos equipos de actuación e de valoración. Así o defendemos. Non temos máis noticias. Seguiremos reclamando maior presenza nese ámbito.

-Este mes lanzaron unha campaña sobre saúde mental, que propoñen neste campo?

-O Día da Fisioterapia utilizamos o lema Un de cada catro; pois unha de cada catro presentas padece na vida un trastorno de saúde mental, segundo indican coñecidos estudos. Cos trastornos musculoesqueléticos de longa duración están entre as causas principais de baixa.

-Que lles ofrece a fisioterapia?

-Complementa ben a psicoterapia e os fármacos. Sobre todo para manexar o insomnio, a dor, a perda de apetito e outras situacións, podemos contribuír á súa melloría e a reducir efectos secundarios da medicación.

-Solicitaron máis prazas ao Sergas, atendéronlles?

-Estamos pendentes. A última oferta pública de emprego non incluíu ningunha, e as anteriores moi poucas. Exercemos por baixo das necesidades reais de Galicia. E iso que o noso traballo lle aforra moitos recursos ao sistema sanitario público.

-Como explica iso?

-A fisioterapia reduce o tempo de hospitalización, probas complementarias, mesmo tratamentos cirúrxicos e prestacións por incapacidade. Hai áreas sanitarias onde exerce un fisioterapeuta por cada máis de 30.000 habitantes, moi por baixo do que recomenda a OMS. As esperas de fisioterapia do Sergas en moitos casos non son asumibles, hai persoas en quen a demora asistencial pode influír negativamente na súa patoloxía. Por iso, a fisioterapia supón un aforro ao sistema e mellora a calidade de vida.

-Investígase en fisioterapia?

-Si. Temos actividade asistencial, docencia, investigación e xestión. Fisioterapia pasou de ser unha especialidade de enfermería a unha diplomatura propia; e agora un grao. Cada vez hai máis doutores en fisioterapia, e máis compañeiros que se dedican á investigación. Así, a actuación no ámbito clínico baséase cada vez máis na evidencia científica.