Ramón Vara: O muradán que nunca tivo medo a deixalo todo por un futuro para os seus

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O funeral do veciño de Serres tivo lugar onte nun ateigado templo parroquial

21 sep 2018 . Actualizado ás 16:19 h.

Hai historias de persoas que xa dende o seu comezo, independentemente da altura a que se fixe este, determinan ata onde están dispostas a chegar. Sen dúbida, a vida de Ramón Vara Caamaño (Muros, 1929) simboliza o exemplo perfecto.

Vara, máis coñecido como Ramón do Recho polo alcume familiar, naceu e criouse na parroquia muradá de Serres. Con só 13 anos, aquel rapaz comezou a faenar ao xeito para gañarse o seu primeiro salario. Sen afastarse do mar, logo enrolouse na marina mercante como paleiro. Nas entrañas daqueles antigos navíos a vapor, Ramón Vara alimentaba con carbón e suor o motor.

Á volta de Ferrol, onde fixo o servizo militar, regresou a Muros e continuou na mercante ata que se namorou da súa querida María Lado, coa que acabou casando. Así foi como se dispuxo a probar fortuna ao outro lado do charco, desembarcando clandestinamente en Florida. Sen un peso e sen coñecer unha soa palabra de inglés logrou chegar a Newark en tren, onde traballou durante tres anos na construción. Corría a década dos 50 cando a axencia de inmigración o deportou.

O Miramar

Aquel home incansable, ao que tantos coñecían por ser tan razoable como directo, non se rendeu e na compaña do seu sogro e dun cuñado rexentaron o Miramar, aínda hoxe coñecido como o bar de Lagar, esta vez polo alcume familiar da súa muller. Ademais da restauración, Ramón Vara tamén compaxinaba a hostalería co oficio de taxista. Durante máis dunha década alternou as dúas e chegou a potenciar o negocio ata o punto de contar con tres empregados máis. Iso foi ata que un familiar lle pediu que volvese a Estados Unidos.

De volta en Newark, ao ano deixou a obra para converterse en pintor. O que non sabía o polifacético muradán é que a súa habilidade non sería co rodillo, senón coa brocha fina. Era tal o seu potencial que o acabaron ascendendo a unha sorte de capataz e acabou pintando os detalles da luxosa biblioteca da millonaria neoiorquina Leona Hensley.

Así pasou 30 anos ata que decidiu que non cometería o mesmo erro dúas veces. Xubilouse con 58 anos e regresou ao Serres que sempre amou para ver nacer á súa neta e gozar da súa familia, daqueles polos que nunca tivera medo a marchar. Ramón Vara faleceu o mércores aos 89 anos e o seu funeral tivo lugar onte no templo parroquial.