Boiro e o País Vasco estreitan lazos coa regata de Cabo

BARBANZA

MARCOS CREO

A Eusko Label Liga recalará na localidade este domingo a partir das 12.00 horas

24 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A dársena de Cabo de Cruz vivirá, este domingo, a súa tradicional festa remeira. A celebración da vigesimoctava edición da Bandeira Concello de Boiro será o momento idóneo para que a localidade siga estreitando lazos co País Vasco. Tras dez tempadas participando na Eusko Label Liga , a bancada local gañouse a pulso o respecto dos seus rivais norteños.

A boa sintonía que existe cos equipos vascos deixouse notar onte na presentación da proba. Un nutrido grupo de socios de Orio, que veranean en Barbanza, acudiron ao acto acompañados dos directivos do club anfitrión. «Respiran remo, nacen cun traiñeira tatuada no brazo», afirmou entre risos un dirixente crucense, que revelou que se agarda unha avalancha de afeccionados chegados de San Xoán, San Pedro, Ondárroa, Santurce, Ciérvana, Fuenterrabía ou Bermeo.

A competición

O presidente de Cabo, Daniel Vázquez, foi o encargado de presentar a regata. En primeiro lugar debullou que o campo contará con catro balizas, tres ciabogas e un percorrido de tres millas, onde 12 traiñeiras deberán pelexar pola vitoria. Sen esquecerse dos patrocinadores, e tras agradecer o apoio do Concello, desvelou que se repetirá a paellada dos últimos anos para que todos os afeccionados que acudan a Cabo poidan gozar dunha xornada festiva.

Para os barbanceses, leste será o penúltimo prato forte da tempada antes da Bandeira da Concha . «Só pasan sete traíñas das máis de 20 que participarán e loitaremos para estar na final», apuntou Vázquez.

O rexedor, Juan José Dieste, felicitou ao club polos últimos éxito, e puxo de relevo o importante labor que realiza coas categorías basee: «Esta é unha magnífica tempada, na que con traballo e humilde pelexástedes contra auténticos Goliats». Á súa vez, destacou que agarda que a nova sede poida estar construída antes do próximo curso.

Dieste afirmou que o apoio do Concello, e polo tanto de todos os boirenses, co club remeiro foi total durante o seu mandato. Con excepción do ano en que o Boiro militou en Segunda División B, o club crucense foi o que recibiu as maiores axudas económicas para manter as escolas deportivas, a bandeira da Eusko Label Liga e pagar os desprazamentos.

Como novidade para este ano, a liña de autobuses con dirección a Cabo estará operativa a partir das 10.30 horas desde as paradas normais. O regreso a Boiro será ás 14.00 e 14.30.