Vivir en parella

Juan Ordóñez Buela DESDE FÓRA

BARBANZA

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Todos sabemos cuán árdua é a vida en parella. Ao principio todo flúe en harmonía. Pero, co tempo, os rozamentos acaban coa feliz convivencia. Para aliviarnos, o soño acode no noso auxilio.

1- Un le e non deixa durmir ao outro? Estíralle a saba? Ou simplemente esa noite non quere contacto? Ningún problema: colócase o divisor de cama, un panel mórbido acolchado na metade do leito.

2- Por que teño que espertar ao outro cando soa o meu espertador? Xa non volverá pasar, porque me porei un dispositivo no dedo gordo do pé que, chegada a hora, emitirá unha vibración silenciosa ata espertarme.

3- Quen deixa a pasta de dentes aberta? Quen aperta o tubo polo medio? Todo solucionado co tubo dentífrico con tapón aos dous lados, un azul e outro vermello, para cada membro da parella.

4- A quen lle toca pór a mesa e, o que é peor, fregar os pratos? Xa non importa, co sistema de servizo presto de usar e tirar: un set con mantel, prato, cuberto e vaso xa preparado, que simplemente se dispón sobre a mesa. Logo recóllese e ao lixo. Todo en plástico reciclable, claro.

5- Que pasa cando entra unha forte discusión e acabamos tirándonos os pratos á cabeza? Nada, porque son pratos da reconciliación, lixeiros e fráxiles, que ademais de non magoarnos, ao romper liberan do seu interior unha medalla que di: perdóase mentres se ama, un desfogue inocente para un arrebato momentáneo.

Estas e outras ocorrencias tiveron os estudantes da competición Italia's Cup. Hai moitos anos, pero a ninguén se lle ocorreu fabricalos. Por iso a taxa de separacións aumenta cada ano.