José Hermo Mariño: «Apostamos forte polas orquestras e os fogos»

L. Martínez / M. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O presidente da comisión de festas do Carme dos Pincheiros analizou as claves desta edición e o seu terceiro ano ao frente do colectivo

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Leva tres anos na comisión de festas, os tres como presidente, pero José Hermo Mariño xa pensa en dar o relevo. «Non quero durar unha lexislatura, que non son un político. Hai que deixarlle o sitio a outro», afirma entre risas. Un veciño convenceuno para que se puxera á cabeza e o certo é que da súa man, e da outra ducia de compañeiros que forman a organización, o Carme dos Pincheiros da Pobra do Caramiñal estase a consolidar como unha das citas ineludibles do verán na comarca de Barbanza. Esta edición conta cun dos maiores presupostos dos últimos anos e chega cargada de novidades importantes.

-Como se organiza unha celebración coma esta?

-Comezamos a traballar o día seguinte de rematar as festas e imos pedindo polas casas coma se fixo sempre. Pero tamén organizamos un par de sardiñadas e excursións ao longo do ano e intentamos recadar fondos facendo sorteos de produtos dos nosos colaboradores.

-Iso permitiulles contar cun maior presuposto para a edición deste ano.

-Si. Os dous primeiros anos que estiven na comisión foron máis complicados economicamente, pero desta vez todos fixemos un esforzo e, coa axuda do Concello, intentamos traer un pouco máis de movida á vila, facer unha festa máis grande en todos os sentidos.

-Como se plasmou iso no programa de actividades?

-Quixemos apostar forte na contratación das orquestras. O bo exemplo é a verbena do último día, na que vai actuar unha das agrupacións de moda, Kubo. Ademais, contamos cunha tirada de fogos de artificio moito máis grande que a dos anos anteriores. Quixemos compensar a mala experiencia do 2017, que non nos permitiu gozar como nos gustaría deles por culpa do mal tempo.

-Un dos cambios máis destacados desta edición afecta á festa da auga dos Sanjuerguines, que deixan de celebrarse o sábado pola noite.

-Pasamos esa actividade para as 16.30 horas. Queremos que todos os rapaces poidan asistir, tamén os máis pequenos, que xa viven moito estas festas. Cambiamos o horario sobre todo por eles, e xa viñeron moitos pais e nais a dicirnos que lles parece unha boa idea.

-É algo definitivo?

-Imos ver como é a reacción da xente. A nosa idea é mantelo así, porque cremos que é máis seguro e cómodo, pero se vemos que a cousa non funciona volveremos ao de antes.

-Teñen preparada algunha outra novidade?

-Temos moitas sorpresas. Estreámoslle vestimenta aos xigantes e presentamos un novo personaxe para o desfile, ao que bautizamos como Príncipe Carlos, e que acompañará aos catro reis e ao noso pincheiro grande Eliseu. E, ademais, para o luns temos planificada outra sorpresa.

-Non pode anticipar nada máis?

-Non, pero eu estou seguro de que vai ser algo que guste a todo o público. O que queira saber de que se trata ten que vir ata a festa.