Acelerados

Alicia Fernández A CRIBA

BARBANZA

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Coméntanme amigas e amigos que se dedican á hostalería que cada vez é máis complexa esa profesión. Non saben se en todos os lados ou son males da zona. Todos che contan ducias de anécdotas e situacións curiosas para ilustrar o tema: os turistas que piden un menú do día para compartir, os que queren que lle fagan medio menú, os que piden dúas consumicións sendo catro, pero queren as catro tapas, os que demandan unha segunda tapa, os que esixen que se lles invite aos groliños de licores, os que non queren pagar o pan, os que reclaman por unha bobada e xa che dan a solución vía invitación ao todo ou á parte. O sector non será perfecto e cométense erros, pero a media é moi superior a outras zonas; mesmo a outros países europeos.

Pero no que máis coinciden é nas présas que leva a xente, sobre todo quen están de vacacións. Persoas que non entenden que en agosto, cun local cheo e sen reserva, dígaselles que teñen que agardar por unha mesa ou pola comida, que á mínima montan tal pito que non chos poidas imaxinar no estrés de novembro pola rúa da Senra en Santiago, a Castellana en Madrid ou nos seus respectivos traballos. Que se van dos nervios cando están de vacacións, non mos quero atopar no sufrido día a día.

Outra onde coinciden: a maioría dos pais teñen a monte aos seus fillos, consentidos e con moi pouca educación. Tiran escarvadentes, panos de mesa, pan, cadeiras e mesas. No seu vocabulario non existe un «por favor» ou un «grazas». Corren e chocan con persoal e clientes, berran, escalan e soban. Cando lles din algo, aínda se enfadan os pais.