Pódenos suceder

Carlos F. Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

OuMarisquiño é unha festa que se celebra cada ano en Vigo, e esta vez será lamentablemente recordada pola traxedia do peirao que se desprendeu, con case 400 feridos. Non é un caso illado, cada ano se celebran festivais similares e coa mesma densidade de xente sobre elementos urbanos. Calquera día pode pasar en calquera das festas. Agora rifan por desfacerse dun morto -máis mediático que real- que puido ter sido evitado de terse feito os labores de mantemento e conservación necesarios, periódicos e con substitución de pezas.

É cotiá -por aplaudido- que algúns alcaldes inauguren obras novas «para amosar que son bos» (absurdo) sen preocuparse polo gasto futuro en mantemento, que acada unha boa porcentaxe do custo inicial, e que normalmente non se inclúe nos orzamentos municipais. A revisión periódica dos elementos urbanos debe estar programada e coordinada con outras Administracións que teñan competencia, pero eses mesmos alcaldes gobernan a golpe de subvencións para novas instalacións, podendo incluílas para os labores de conservación.

Tamén é certo que o mapa de Administracións competentes é complexo e con pouco fol para poder intervir os concellos de xeito áxil e eficiente. Sobran Administracións, sobran informes doutros organismos que non aportan nada en moitos casos, só complican os prazos municipais.

Ante un evento efémero, a axilidade ten dobre valor, debe haber plans conxuntos previos, compromiso de todas as Administracións, no que se indique con claridade a responsabilidade de cada quen. Ao final botaranlle a culpa ao maquinista.