Urdilde será o pistoletazo de saída para o Atlético Ribeira

Ribeira / a voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Oito conxuntos da zona barbancesa arrincarán a carreira por acadar a fase de ascenso o próximo 2 de setembro

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Poucos afeccionados poderían agardar hai menos dunha década que o Atlético Ribeira chegaría a competir en Segunda Galicia. Farao este ano, acompañado doutros sete clubs da zona barbancesa, que darán o pistoletazo de saída á liga o próximo 2 de setembro. A primeira parada para os celestes será en Urdilde, a última, na Fieiteira, onde se enfrontarán ao Baroña o próximo 5 maios de 2019.

O Sálvora debutará en casa para recibir ao Cacheiras. O Abanqueiro, que finalmente logrou a permanencia no último segundo, comezará o seu camiño en Vista Alegre contra o Milladoiro. Queiruga e Taragoña disputarán o primeiro derbi barbancés en Goirís, mentres que o Cabo viaxará ao campo da Devesiña para medir forzas co Recesende.

Máis duelos

O Lesende, un dos candidatos ao ascenso xunto a Ribeira e Taragoña, arrincará o torneo regular en casa, contra o Agrón. O Baroña, recentemente ascendido, desprazarase a Rebordelo para xogar co Calo.

Sen dúbida, os duelos de maior rivalidade serán os que disputen Atlético Ribeira e Sálvora, aínda que haberá que agardar ao 28 de outubro para ver o primeiro deles. Entre veciños tamén estará a batalla que librarán Cabo de Cruz e Abanqueiro, que terá o seu primeiro asalto o 23 de setembro no renovado feudo de Valiño.

Polo momento, a Federación Galega de Fútbol aínda non presentou os calendarios da Liga dá Costa, na que estarán Lira, Monte Louro, Muros, Volantes de Baño e Mazaricos, que ao final non logrou ascender.