«Isto non funciona, nun ano de espera para unha proba médica xa tes un pé no outro barrio»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Un veciño de Ribeira leva desde principios do 2018 pendente de que lle citen para unha colonoscopia

15 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

En plena campaña da Consellería de Sanidade para concienciar á poboación diana da importancia de participar no cribado de colon para previr ou, no peor dos casos, diagnosticar un cancro na súa fase inicial, non faltan voces que poñan sobre a mesa a súa propia realidade. É o caso dun veciño do municipio de Ribeira que, ante a insistencia sobre a importancia dun diagnóstico precoz, denuncia que leva desde principios de ano agardando por unha colonoscopia: «Isto non funciona, nun ano de espera para unha proba médica xa tes un pé no outro barrio».

O home explica que xa lle advertiron cando lle prescribiron a proba que a demora para ese tipo de exames era de varios meses, ante o que el se queixou: «Eu díxenlle ao médico que como ía ser iso, que facía coas molestias que tiña mentres agardaba, e o que me dixo o doutor é que proteste».

Sen rexistro

Non o fixo nese momento, pero pasados os meses acudiu ao hospital de Barbanza debido á tardanza: «Tiña que facer tamén un TAC e ese si que mo fixeron hai tempo. Pero a proba do colon non, e o día 2 do mes pasado volvín preguntar e dixéronme que tiña que chamar a Santiago».

Conta este veciño de Ribeira que lle facilitaron o número ao que debía chamar, ademais de pór a reclamación correspondente. A súa sorpresa foi maiúscula cando lle responderon que non figuraba en ningunha lista de espera: «Se non chego a chamar a Santiago aínda agora non estaba apuntado. Foron moi amables, iso si, e ao pouco chamáronme de volta para dicirme que me metían na lista. Pero xa me dixeron que ía tardar preto dun ano».

Agora decidiu denunciar a situación tras ler un artigo no que se falaba da importancia da detección precoz do cancro de colon para unha maior supervivencia, por iso non entende que haxa que agardar tanto para someterse a un exame para detectalo: «Eu o que quero é que isto que se saiba, porque parece todo moi bonito, pero hai xente que ten que esperar».

«Se non chego a chamar a Santiago aínda agora non estaba apuntado»