Á procura do can máis fermoso

La Voz

BARBANZA

carmela queijeiro

O certame morfológico reunirá hoxe na localidade sonense a uns 150 exemplares de 60 razas diferentes

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe Chaira portuaria de Porto do Son • Desde as 10.30 ata as 17.30 horas •

Non é habitual asistir en Barbanza a un espectáculo como o que desde onte atrae as miradas de numerosas persoas na zona portuaria de Porto do Son. Decenas de cans corretean, posan para as cámaras e mostran a súa habilidade saltando obstáculos. Os animais chegaron á localidade barbancesa para participar nunha nova edición, a décimo oitava, do Concurso Nacional Canino, unha cita que se converteu xa nun clásico na axenda lúdica estival.

Os ladridos dos canes irromperon onte pola tarde na chaira portuaria da vila, coincidindo coa disputa da segunda Súper Copa de Agility. Nin que dicir ten que a concentración de cans, medio centenar, atraeu a numerosos criadores, afeccionados e veciños en xeral, que non quixeron perderse a destreza demostrada polos animais á hora de saltar valos, zigzaguear ou introducirse en escuros túneles.

Xornada crave

Pero a de hoxe presúmese como a xornada máis emocionante. Uns 150 exemplares de 60 razas competirán nunha proba que servirá para obter puntos de cara á elección do mellor can do ano en Galicia. Todos os exemplares participantes coincidirán na zona portuaria sonense durante a mañá, na disputa das eliminatorias. Pola tarde serán as finais das diferentes categorías.

Desde a organización do concurso, a Sociedade Canina Galega, destacaron o éxito que vén cultivando esta cita: «O certame empezou da man dun grupo de afeccionados da zona e agora é un dos máis importantes de Galicia», apuntou o presidente da entidade, Manuel Mera.

De feito, a asociación ten previsto incrementar as actividades do concurso de cara á próxima edición: «O noso obxectivo é incluír unha proba puntuable para o campionato de España».