Martín R. Gómez: A vocación que naceu nunha libraría

L. MARTÍNEZ / m.X.B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rianxeiro publica a súa primeira novela, ambientada en lugares da comarca

21 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Comezou a escribir dende mozo, colaborando en xornais locais e revistas de aviación, outra das súas paixóns. Pero non foi ata que lle chegou a xubilación cando Martín R. Gómez se decidiu a coller papel e pluma, ou máis ben pantalla e teclado, e emprender a aventura de escribir a súa primeira novela superados xa os 80 anos de idade. Inseparables é o resultado dun ano de traballo no que o rianxeiro non só se encargou de crear a historia, senón que tamén maquetou e deseñou a portada e contraportada da publicación, logo dun laborioso proceso de autoaprendizaxe.

A novela toma como punto de partida vivencias reais, as do propio Martín Gómez, quen lle imprimiu unha importante dose de ficción e pequenos toques de humor: «Moitos acontecementos da miña vida están recollidos no libro, pero trasladados a uns protagonistas totalmente ficticios». Gran parte desas historias desenvólvense en cidades como Madrid, Tarragona ou Segovia, onde o autor viviu por motivos laborais durante varios anos; pero sobre todo enmárcanse na súa vila natal, Rianxo, e na Pobra do Caramiñal. «Os personaxes principais son naturais destes dous municipios. Por iso, moitos dos feitos que se relatan están situados no Barbanza, en lugares comúns coñecidos por todos: as festas da Guadalupe, a Curota ou a desaparecida rapa das bestas», apunta o escritor.

O amor de Martín Gómez pola literatura remóntase a moitos anos atrás, pero non se materializou ata que retornou a Rianxo para facerse cargo da Librería Cándido, un establecemento centenario fundado polos seus avós e que actualmente rexenta o seu fillo pequeno. Alí naceu a editorial Andaina, que nos anos 90 impulsou a publicación de dúas guías turísticas, precisamente de Rianxo e Pobra. Hai apenas un ano, Martín Gómez volvía a poñer en marcha as rotativas coa edición de Aero-Imaxes Barbancesas, un volume que recollía máis dun cento de imaxes aéreas do litoral da comarca que el mesmo capturou nos seus periplos en avioneta. «Xa metido de cheo nesta tesitura de editar, apeteceume facer algo máis literario e que servira como recordatorio das miñas vellas historias», afirma o rianxeiro.

Escritor autodidacta

Nin a idade nin as dificultades propias de publicar un libro supoñen un impedimento para este escritor novel. A través de Andaina, o rianxeiro encárgase el mesmo de manexar as plataformas de edición, coas que maqueta, deseña e prepara o volume para envialo directamente á imprenta. «Gran parte da miña vida traballei como aparellador e pasei dunha etapa profesional na que todo se facía a man a outra na que entrou de cheo a informática. Grazas a iso, e a base de consultar moitos manuais, agora manéxome ben co ordenador e con este tipo de programas dixitais», afirma o escritor.

Martín Gómez estreou esta semana a venda dos primeiros exemplares de Inseparables, que se poden adquirir na caseta que a Librería Cándido instalou no marco da Feira do Libro de Rianxo. É unha tirada pequena, máis propia dunha ambición persoal que dunha novela comercial. «É unha historia moi local e cun escritor totalmente descoñecido. Como negocio é impensable», explica o escritor, que espera que precisamente ese localismo lle abra as portas doutros establecementos da comarca do Barbanza: «Podería ter certa acollida na zona, porque sempre que os lectores nos identificamos de certa maneira co que lemos nos sentimos máis atraídos».

Puntos de venta. A novela pódese adquirir na Librería Cándido de Rianxo, pero o escritor espera estender proximamente a venda de exemplares a outros establecementos da zona.

Segunda publicación. Antes de publicar este libro, Martín Gómez editou un volume que reunía máis dun cento de imaxes aéreas que el mesmo realizou sobrevoando a comarca de Barbanza.