Desembarco das primeiras policías

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

María José Rial e de María Dolores Cadaval foron as primeiras axentes locais da comarca

12 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe é habitual ver a mulleres uniformadas, desempeñando o seu traballo en diferentes corpos de seguridade, pero ata hai uns anos dita imaxe constituía unha rara excepción. Tanto é así que o desembarco das primeiras profesionais na Policía Local de Ribeira, ocorrido en xullo de 1991, espertou gran interese mediático. Tratábase de María José Rial Martínez e de María Dolores Cadaval Santos. Ambas formaban parte dun grupo de catro persoas que foran contratadas polo Concello para reforzar a seguridade durante o período estival. Chegaban a un persoal formado habitualmente por 13 axentes.

Estas dúas mulleres non só foron as primeiras policías locais de Ribeira, senón que foron as primeiras axentes que se sumaron aos corpos dependentes dos concellos de Barbanza. A pesar de que co tempo se foron incorporando máis veciñas a estes colectivos, o número de homes segue sendo bastante superior.