Simón Varela proclamouse campión nacional de Pitch & Putt en Boiro

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Yolanda González venceu no apartado feminino, seguida de Montserrat Peláez, mentres que Marcos Gómez cultivou o segundo posto masculino

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O que comezara en Moimenta como os inicios dun pequeno, pero traballador, club pasou á historia. Desde onte, o Barbanza Golf Pitch & Putt converteuse nun auténtico referente nacional desta modalidade de golf, despois de que dous dos seus mellores xogadores, o rianxeiro Simón Daniel Varela Nóvoa e o pobrense Marcos Gómez Domínguez, proclamásense campión e subcampión de España en Boiro.

Do campo boirense tamén saíu a nova campioa estatal, Yolanda González, do club monfortino Río Cabe. Montserrat Peláez levou a prata a Asturias.

Final de infarto

As dúas xornadas que se disputaron esta fin de semana en Moimenta foron de vertixe. Tras unha primeira volta na que Varela executou unha estratexia de control sobre Gómez, posto que ao sexto hoyo xa vira caer a dous dos principais rivais, o domingo quedou unha final axustada non apta para cardíacos. Na partida estelar estiveron empatados con 50 golpes: o rianxeiro, Ramón Baladrón e Luis Casas, mentres que o pobrense se situaba a 51, só un de diferenza.

Superados os nove primeiros hoyos da final, a pugna xa se debatía só entre Varela e Gómez. Cando o rianxeiro rematou asinando o centenar de golpes, catro menos que o pobrense, o público alagou Moimenta de xúbilo. «Viñan aplaudíndolle desde o hoyo 14», destacou o presidente do Barbanza Golf, Alberto Colón.

Os dous himnos

Como en calquera disciplina a nivel estatal, mentres se entregaban os premios, soou o himno de España. Cando este rematou, e a modo de homenaxe aos dous galegos, os presentes entoaron A rianxeira. Colón, o tamén xerente do campo, felicitou a todo o equipo pola perfecta organización do seu primeiro nacional. A cita congregou a grandes personalidades como Daniel Fernández, presidente da Federación Galega de Golf ou Jesús Barreira, presidente do comité de Pitch & Putt da Real Federación Española de Golf e o seu homólogo autonómico, Ángel Manuel Román. Ariadna Meléndrez foi a árbitra seleccionada.

BARBANZA GOLF PITCH & PUTT

(De esquerda a dereita na fotografía: Alberto Colón, presidente de o Barbanza Golf; Jesús Barreira Correal, presidente do comité de Pitch & Putt da Real Federación Española de Golf; Simón Varela, campión nacional; Yolanda González, campioa nacional; Montserrat Peláez, subcampioa nacional; Marcos Gómez, subcampión nacional; e Daniel Fernández Fernández, presidente da Federación Galega de Golf)