O plan de detección de lixo mariño en Sálvora complétase cunhas xornadas informativas

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Varios especialistas falarán das medidas a adoptar para que os residuos non cheguen ao mar e de como detectar puntos negros

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A confraría de pescadores de Aguiño dará cabida o venres, a partir das 16.30 horas, a unha xornada informativa sobre a detección de lixo mariño. O ciclo pretende servir de complemento ao proxecto que se está levando a cabo na illa de Sálvora e a súa contorna. O obxectivo é que os mariñeiros da localidade e os seus familiares accedan a un decálogo de boas prácticas para evitar que os residuos vaian parar ao mar e saiban como actuar cando localizan un punto negro no litoral.

A apertura da xornada correrá a cargo de Fernando García Sanz, do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, e do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas. Tras eles intervirá Jesús Gago, membros do Instituto Español de Oceanografía que impartirá un relatorio sobre a problemática do lixo mariño.

José Antonio Fernández Bouzas, director do parque natural Illas Atlánticas, será o encargado de ofrecer unha serie de consellos para evitar a xeración de residuos mariños; mentres que o patrón maior do depósito local, José Antonio Santamaría, ilustrará aos mariñeiros sobre como actuar cando detectan lixo no mar. O seu homólogo en Motril, Ignacio López, narrará as súas experiencias neste ámbito antes de que José Luis Rodríguez, de Asoar, peche o ciclo coa Guía de boas prácticas para embarcacións de terceira y sétima lista.