O número de divorcios caeu á metade no primeiro trimestre do ano

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

matalobos

De xaneiro ata marzo soamente rexistráronse un total de 41 separacións

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O número de matrimonios que deciden dicirse adeus na comarca segue caendo, e boa proba diso son os últimos datos que acaba de falicitar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), que guinda un balance máis que positivo. De feito, durante o primeiro trimestre deste ano nos partidos xudiciais de Ribeira, Boiro e Noia soamente tense constancia dun total de 41 separacións, o que supón case a metade das rexistradas no mesmo período do exercicio anterior, cando roldaron as 80.

Esta porcentaxe sitúase moi por amais da media nacional, onde o descenso se situou en torno ao 8,2 %, mentres que na comunidade galega ascendeu ata o 29,3 %. Unha das explicacións de que en Galicia a caída fóra tan acusada débese á folga que os traballadores da xustiza secundaron nos últimos meses, o que motivou que moitos dos asuntos permanecesen paralizados durante meses.

Con todo, o paro nos xulgados non tivo na comarca unha incidencia demasiado notable, o que contribúe a facer máis significativa a diminución no número de separacións. Outro dato positivo que se extrae do informe publicado esta semana polo CGPJ é que nos partidos xudiciais barbanceses seguen sendo máis os divorcios consensuados -24-, fronte a aqueles nos que non se chega a un acordo entre as partes implicadas. Esta tendencia tamén é similar á que houbo o ano pasado no primeiro trimestre do 2017, cando se chegaron a 43 acordos fronte a 33 procesos nos que houbo que acudir á mediación.

Custodia

Con todo, non hai tan bos datos polo que se refire aos acordos entre os antigos esposos á hora de falar das obrigacións de cada un no que se refire ao coidado e manutención dos fillos da parella ou dos bens que teñen en común. Durante o primeiro trimestre deste ano ditáronse vinte modificacións de medidas non consensuadas, fronte ás cinco nas que había un acordo previo. Polo que se refire á garda e custodia dos descendentes, seis levaron a cabo selando un acordo entre as partes, mentres que noutra decena de casos non houbo unha solución tan pacífica.

Estas cifras tamén supoñen un descenso con respecto aos datos de anos anteriores, unha tendencia que tamén se constatou nos últimos anos.

Varios expertos aseguran que, ademais da incidencia da folga nos xulgados, as novas terapias de parella poden están detrás de que se produciu unha caída no número de divorcios e separacións.

1.185

Demandas en toda Galicia

O número de procesos na comunidade caeu un 29,3 %, posto que en primeiro trimestre do ano pasado producíronse 1.677 separacións.

29.108

Procesos en España

As comunidades de Valencia e Baleares están á cabeza do país en número de separacións, mentres que Galicia, xunto con Castela e León e o País Vasco están á cola.

O ano pasado pechouse nos tres partidos xudiciais da comarca con algo máis de 200 divorcios e separacións, un balance considerablemente bo, e que permitiu constatar unha tendencia que se veu repetindo no último lustro. De feito, hai apenas unha década a cifra adoitaba chegar aos 300 procesos, pero a chegada da crise económica contribuíu a frear esa sangría.

Unha vez superada a recesión, parece que o balance de divorcios segue caendo na comarca barbancesa a xulgar polas cifras deste primeiro trimestre. De feito, se se fai un cálculo e se extrapolan os datos dos tres primeiros meses do ano a todo o exercicio, o número de separacións situaríase ao redor das 160, o que implicaría unha caída de case 80 con respecto aos números do 2017, co que se conseguiría bater unha marca nos últimos anos.

Traducidos a semanas e meses, suporía que o número de parellas que rompen sería de tres cada sete días, e de algo máis dunha ducia cada trinta.