Mick Jagger comeu pescado en Noia e tomou o sol no litoral sonense

La Voz

BARBANZA

XOAN A. ADOITAR

O artista fixo unha escapada a Barbanza antes do concerto que os Rolling ofreceron en Santiago

15 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O concerto que os Rolling Stone ofreceron en Santiago en 1999 foi un dos pratos fortes do programa musical do Xacobeo, pero antes de que o grupo fixese a súa aparición sobre o escenario do Monte do Gozo, o seu líder, Mick Jagger, realizou unha visita fugaz a Barbanza. O fundador da lendaria banda británica cruzou o limiar do restaurante Ceboleiro de Noia acompañado polo seu fillo para degustar, entre outros manxares, peixe sapo, linguado e mero, especies que aderezou con viño albariño. Chegada a hora da sobremesa, pola mesa do artista desfilaron fresas, pexegos e queixos variados.

Rematada a comida, Jagger e os seus acompañantes puxeron rumbo aos areais de Porto do Son. A comitiva fixo escala na praia de Aguieira. O cantante mostrouse impresionado pola diferenza de temperatura existente entre o litoral barbancés e a capital de Galicia, á vez que se interesou polo significado da borraxeira que lle impediu gozar dun mergullo.