Ribeira quixo pór en marcha unha ponte turística co sur da ría de Arousa

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A idea, que non prosperou, era habilitar catamaráns gratuítos para atraer visitantes

14 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Concello de Ribeira e patronal sentaban hai 21 anos as bases dun ambicioso proxecto, consistente en crear unha ponte turística entre a cidade e o sur da ría de Arousa. Do que se trataba era de pór en marcha un servizo gratuíto de catamaráns, que unise ambas as marxes, propiciando así a chegada de turistas á cidade. O entón alcalde, José Luis Torres Colomer, daba a coñecer a iniciativa tal día como hoxe de 1997, en compaña de Cipriano Paz, que naqueles momentos lideraba a patronal local. Xa se realizaron contactos cunha empresa de autobuses, que se encargaría de trasladar aos visitantes a diferentes puntos de interese do municipio e mesmo se estaba xestionando a participación no proxecto dos locais hostaleiros.

O proxecto nunca chegou a materializarse e a conexión por mar de ambos os lados da ría de Arousa segue sendo unha demanda a día de hoxe, como o é a existencia de viaxes periódicas ao parque Illas Atlánticas.