O nivel cinematográfico elévase en Boiro

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O festival Olloboi segue crecendo apoiado na alta participación e a crecente calidade dos traballos audiovisuais que concorren a un certame que xa é unha referencia

12 may 2018 . Actualizado ás 10:41 h.

Que treman Alejandro Amenábar e David Trueba porque as novas xeracións veñen pisando forte no mundo audiovisual, grazas en boa medida a festivais como Olloboi. O certame boirense é unha boa pedra de toque para saber como está o nivel cinematográfico no ámbito escolar e a última edición ha servido para demostrar que o listón está moi alto e non deixa de subir.

Puido comprobarse durante a tarde de onte en Astaleiros Triñanes -sede do certame por segundo ano- no transcurso da gala de entrega de premios, que estivo precedida dos traballos saídos de Muchachada Matiné, unha actividade que durante a mañá reuniu a 170 rapaces que, coa axuda do colectivo Raparigas e dos cineastas que integraron o xurado dos galardóns, deron forma en tempo marca a unha decena de micropiezas audiovisuais que se proxectaron durante a gala.

Ana Moreiras, responsable da organización, destacou a gran implicación dos escolares nesta iniciativa, e tamén dos veciños de Boiro, que colaboraron gustosamente nos traballos.

Representación comarcal

Logo chegou o momento da verdade, o veredicto do xurado, que tivo unha difícil papeleta para seleccionar aos gañadores das nove categorías entre as preto de 200 obras presentadas ao certame este ano. Do palmarés dos Olloboi destacan, a nivel comarcal, dous nomes. O primeiro é o de Alicia Fernández, que recibiu un accésit pola súa interpretación en Agres agarimos, obra do CAD A Pobra.

O segundo, é o do instituto Praia Barraña de Boiro, que se fixo co galardón á mellor montaxe con Zan Hoffman.

Pola súa banda, Conexións, do instituto As Barxas de Moaña, obtivo o Zamburrioi, o premio especial do Equipo Olloboi.

Tras a entrega dos galardóns, a festa do audiovisual continuou en Boiro cunha cea e unha foliada a cargo de Andavía Gaiteiros e Nunca é Tarde.