Francisco Tubío: «Xa de neno, antes dos oito anos, facía frautas traversas cunha cana»

xulio gutiérrez

BARBANZA

ABRALDES

Tubío integrou varios grupos, entre eles, a orquestra Gran Parada

27 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

 Falar de Francisco Tubío, ou Paquito de Villa como é coñecido, é falar da música popular en Boiro na segunda metade do século vinte.

Un rapaz no Boiro dos anos 30 non tiña moitas oportunidades de escoitar música, e moito menos de elixir que tipo de música escoitar. Sen televisión, spotify nin youtube habería que contentarse coas actuacións nas festas locais. Cando comezou a interesarche a música?

-Xa de neno, antes dos oito anos, facía frautas traversas cunha cana, e para furar os buratos usaba unha espita dos longueiróns quentada no lume. Con elas tocaba as cancións que escoitaba nas festas. Tiña tanto interese que o meu padriño, Paquito, o do Sindicato, regaloume unha frauta de buxo de seis buratos e con ela practicaba todo o que podía. Moitas veces xuntabámonos todos os rapaces de Boiro e tocabamos e cantabamos. Pasabámolo moi ben!

Aos 10 anos empecei a tocar unha gaita que me comprara o meu pai. Eu escoitaba os gaiteiros e trataba de facer coma eles. Entón, o director do grupo Treboada, Pepe, o Meneco, invitoume a ensaiar con eles. Estiven un inverno practicando e aprendendo todas as cancións de memoria e, ao verán seguinte, xa saín a tocar co grupo por Palmeira, A Pobra, Olveira, Bretal, e outros lugares da comarca. Foi a primeira vez que actuei con uniforme. Daquela non había tantos coches coma hoxe. Tiñamos que ir a todas as partes andando ou en bicicleta, e cargando cos instrumentos.

Tampouco era doado, naqueles tempos, acceder a unha formación musical de calidade. Non había conservatorio nin establecementos onde adquirir partituras. Entón, como conseguiches formarte como músico?

-Ao principio, no grupo Treboada, non traballabamos con partituras, tocabamos de oído. A miña primeira profesora de música foi Dona Victoria, que era mestra na escola de San e que, casualmente, tamén me dera clases de primaria uns anos antes, na escola da Ferrería, no Camiño Vello. Xuntabámonos sete ou oito rapaces para aprender a ler partituras, pero eu fun o único que se fixo músico.

Aos 14 anos o meu pai comproume un clarinete de 13 chaves. Aprendín a tocalo coa axuda de Ramón, un veciño que tocaba na banda de Bealo. Ao pouco xa tocaba con eles.

Máis tarde, durante o servizo militar, destináronme a infantería de mariña, no cuartel dos Dolores, en Ferrol. Na banda militar tocaba a gaita e o clarinete. Aproveitei para aprender máis música, e empecei a tocar o saxo alto.

Á volta da mili volvín á banda de Bealo, pero enseguida falou comigo Gerardo Deira que me ofreceu entrar na orquestra Clipper. Era un grupo que facía música para baile, como pasodobres, valses e música moderna. Actuabamos todos os domingos pola tarde na sala de baile La Unión, en Cespón, e tamén saiamos tocar en ocasións polas parroquias veciñas.

Nos duros anos da posguerra a economía non era moi boiante. A xente non se podía permitir gastar moito en luxos, como escoitar música en directo. Podíase vivir da música naqueles tempos?

Había que facer máis cousas, como traballar a terra, no meu caso. Ademais fixen tres campañas de seis meses cada unha nun pesqueiro, en Terranova. Foi un traballo duro, pero tiven a gran sorte de que á volta da terceira campaña ofrecéronme entrar nunha orquestra grande. A orquestra Gran Parada.

A orquestra Gran Parada é un dos referentes musicais no Barbanza durante catro décadas. Como recordas esa época?

-Empezamos sendo 14 músicos. No inverno ensaiabamos todos os días desde as tres da tarde ata as nove da noite. Durante o verán actuabamos moito, 28 días cada mes. Por Asturias, León, La Rioja, País Vasco e por toda Galicia. E polo inverno iamos ás mellores salas de festas, como Chanteclaire, Saturday e Nova Olimpia. Tiñamos dous repertorios: un de música clásica para a sesión vermú e outro bailable para a noite. Eu tocaba a gaita, o clarinete, o saxo alto e barítono, e tamén facía voces para acompañar o cantante.

Pero nunca deixaches a gaita?

-Non. Cando se desfixo a banda de Bealo eu seguín como gaiteiro nas festas de toda a zona. Chamábanme para as fiadas, a corrida do galo de Montaña, para as festas de Mosquete, de Sealo, entre outros lugares. Ás veces, a xente sacaba unha pandeireta e tocaba comigo. E tamén fun profesor de gaita durante uns 14 anos no Centro Cultural de Boiro.

E nos últimos tempos, tamén interpretas música antiga?

-Asistín a un concerto do Grupo de Música Antiga Menestreis, en Cespón, e gustoume moito. Díxenllo a Xosé España, o director, e este invitoume a unirme ao grupo para tocar a frauta tenor e tamén o chalumeau, que é como un clarinete pequeno con dúas chaves. Os dous son réplicas de instrumentos antigos que se usaban hai máis de 400 anos. Desde 2008 reunímonos unha vez á semana para ensaiar e, de vez en cando, damos algún concerto. A maioría por aquí cerca, pero tamén fomos a Santiago e Noia. O máis lonxe que chegamos foi a Marruecos; actuamos en Tánxer e Rabat.