A fundación do grupo Redeiras e Xeiteiros-Hermandade de Terra e Mar, en Rianxo

XESúS SANTOS / XOSÉ COMOXO

BARBANZA

CEDIDA

Impulsado polo boticario José Carnero, foi froito da unión de senllos colectivos de baile e canto coral

27 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando o boticario José Carnero Valenzuela, procedente de Santiago, tomaba posesión da farmacia de Rianxo, en 1948, na vila rianxeira había un grupo de mozos interesados polo baile rexional; eran Máximo Alcalde, Manolo Abuín e Ramón Domínguez, que andaban a formar un grupo de baile. Carnero aproveitou para apoialos e colaborar con eles na coreografía. Os ensaios realizábanos, ben no salón de baile de Rubén, ou ben na fábrica de conservas do Castillo.

Contaron coa axuda e participación dun grupo coral, formado por mozos e mozas que viñan demostrando certo entusiasmo polo canto; estaba a cargo de Manolo Fritada, que os unía na casa familiar da praza da Igrexa para os ensaios, que dirixía desde a cama, onde estaba prostrado debido a unha enfermidade.

Crónica de Borobó

Coa unión de ambos grupos fundaron Danza de Redeiras e Xeiteiros-Hermandade de Mar e Terra de Rianxo. Eran 34 mozos e mozas. Os homes, case todos mariñeiros, ensaiaban sempre que non saísen ao mar. Actuaron por primeira vez nas festas da Guadalupe de 1948. Nesa ocasión, a dicir de Borobó, Carnero «introduciu un número completamente inédito nas festas de Rianxo: a danza das espadas. O entusiasta licenciado ensinoulles unha danza moi bonita e que varía bastante da de Carril. Bailan cunha rede, parodiando as faenas de pesca, no canto de cintas. E en cada un dos extremos, o capitán e o tenente brandían senllas espadas. O capitán era o fillo do alcalde».

Tiñan a ilusión de danzar en Santiago nas festas do Apóstolo de 1949, pero o plan fallou. Bailaron na vila diante do gobernador civil e do comandante da Mariña de Vilagarcía, que viñeran a presenciar os festexos da Virxe do Carme, organizados pola Confraría de Pescadores.

En Santiago estiveron no ano 1950, para competir, nun salón do Hotel Compostela, cos grupos de danzas de Carril e Betanzos, quedando os rianxeiros ganadores do concurso.

Produtora francesa

En xullo de 1952, unha produtora francesa dependente da Comisión de Peregrinaciones Diocesanas de Le Mans, dirixida por Abad Brouthome, que estaba a filmar o Camiño de Santiago, interesouse polo folclore da ruta xacobea e achegouse ata Rianxo para filmar escenas da vila e das danzas redeiras do grupo: «Prendidos nas mallas da típica rede («que elevan no aire e suxeitan ao seu ritmo os bailaríns») tecen o poema milenario de arte coreográfica e un alarde deportivo de puxanza física nas evolucións de trinta e catro atletas de ambos os sexos onde non se sabe que admirar máis: se a feminina galanura das belas danzarinas ou a masculinidad e nobreza de porte dos homes en rítmica asociación dunha arcaica música de muiñeira».

Catro anos despois, o pedagogo e poeta Roxerius, escribiu o seguinte referido ao grupo, que xa camiñaba cara á súa desaparición: «Para penetrar en todo o sentido artístico e rítmico de Rianxo, hai que pasar recado ao Boticario, que moverá as súas hostes de danzantes e poderase saborear esa estupenda Danza dás redes, o máis enxebre ballet que se puido contemplar ata agora, insuperable en graza, mobilidade e estilo (pena que non se ensaie algo máis e procúrese vestiario adecuado)».

O grupo actuou por primeira vez nas festas da Guadalupe de 1948