Ana Dosil: «Loitar neste campionato foi a consecuencia do esforzo»

BARBANZA

MARCOS CREO

A barbancesa participou a pasada semana no torneo mundial júnior, que se celebrou en Tunisia

19 abr 2018 . Actualizado ás 21:41 h.

Barbanza é unha gran potencia a nivel autonómico e nacional no que ao taekuondo refírese. En cada cita que hai representantes dun club da comarca corrobórase con medallas e actuacións brillantes. Os deportistas barbanceses son asiduos do podio e iso fai que os seus nomes soen, mesmo, fóra das nosas fronteiras. Ana Dosil é unha desas taekuondistas chamadas a facer grandes cousas e ter un papel destacado. A pasada semana deu un paso máis na súa carreira, un deses que non está ao alcance de calquera. Defendeu as cores da selección española no mundial que se celebrou en Tunisia e, aínda que non puido mordeu metal, deixou a súa pegada.

«Loitar neste campionato foi a consecuencia do esforzo e do tempo dedicado a este deporte. O meu principal obxectivo no torneo era gozar ao máximo da experiencia e dalo todo sobre o tapiz. Reflectir todo o traballo que veño realizando», explica Dosil xa de volta en Ribeira. A barbancesa do Natural Sport tivo que colgarse o bronce no Open de Holanda e o ouro no nacional para obter o billete a Tunisia. Neste último «había unha madrileña que tamén se subise ao terceiro caixón do podio na proba holandesa, pero perdeu a final comigo. A verdade é que fixen un bo papel e tiven sensacións positivas de cara ao mundial», apunta.

Sacrificio e recompensa

«Non era un torneo que se podía preparar nun mes», comenta Dosil. O camiño da taekuondista ata a cita na que participaron as mellores do globo requiriu sacrificio: «Levo traballando desde o inicio da tempada coa idea de gañar o campionato de España e conseguir a clasificación. Foron semanas de moita carga de adestramentos, nas que se afinaron pequenos detalles para chegar a punto ao torneo».

Pero todos os esforzos tiveron a súa recompensa. «Foi unha experiencia incrible, compartín vivencias cun equipo moi agradable e os técnicos sempre estiveron pendentes de nós para que loitásemos no mellor estado de forma posible. E entre eles, a pesar de non estar alí, inclúo a Juanlu, que me deu apoio e ánimos desde casa».

No que se refire á competición en si, Ana Dosil recoñece que «sendo un campionato de tanto nivel, está claro que era moi difícil meterse no podio. Aínda que como me dixo Juanlu, había que soñar ata o final». Ademais, a barbancesa contou coa dificultade engadida de que «non me tocou un sorteo doado».

Por iso, sabía que «se quería optar ás medallas tiña que saír ao tapiz moi concentrada e facelo moi ben. Conseguino e no combate do debut callei unha boa actuación contra a deportista de Chipre. No primeiro asalto púxenme 1-9 a favor e logo souben controlar a pelexa para gañar 3-14». Na seguinte rolda -oitavos de final-, agardáballe unha das favoritas, a taekuondista alemá: «Tiña moita máis envergadura e forza que eu e, aínda contando cunha estratexia, rompeume todos os esquemas. Aínda que as cousas non saíron como eu quería, aprendín moitísimo. Ela, ao final, colgouse o bronce».

Unha gran proxección

«Aínda queda un ano de júnior e é moi traballadora. Ana é unha deportista cunha proxección moi grande», asegura o director deportivo do Natural Sport, Juan Luis Martínez. «É unha aposta de futuro do club, do mesmo xeito que Adrián Pombo no seu momento. Entre as súas condicións máis destacables está a forza, a flexibilidade e a súa constancia», resalta.

No palmarés de Dosil xa figuran éxitos importantes, como apunta Martínez: «Ten un bronce europeo en cadete e temos que seguir pensando en que pode acadar metas máis importantes». Para chegar a cruzalas, Dosil enxalza o papel que xogan os seus achegados: «O apoio dos meus pais e da miña irmá foi fundamental para afrontar o torneo mundial. Sempre me transmiten moita seguridade».

Vista posta no nacional sub 21

Ana Dosil non para. Hai unha semana pelexaba coas mellores do mundo e agora continúa exercitándose coa vista posta no futuro. «Agardo poder clasificarme para competir no campionato de España sub 21 e así loitar en categorías superiores. Se os puntos do ránking júnior non me chegan para ir ao torneo seguirei adestrando co fin de conseguilo». O motivo de que a barbancesa queira acudir a esta cita non é outro que «un ouro me daría a praza para o europeo sub 21, e estar nel sería unha experiencia incrible. É moi difícil logralo, pero encántanme os retos», afirma facendo gala da súa tenacidade. Máis a longo prazo, pensando na próxima tempada -que será a súa última como júnior-, Dosil comenta que «irei paso a paso, co obxectivo de estar entre as mellores de Europa». E mirando aínda máis lonxe, recoñece que «o soño de calquera taekuondista é disputar os xogos olímpicos». A ribeirense entrou neste deporte, tras probar primeiro no ballet, para seguir os pasos da súa irmá que «foi unha gran competidora».