Detido un boirense que conducía un coche con matrículas falsas e levaba un arma de fogo

M.G. RIBEIRA

BARBANZA

O arrestado conta con numerosos antecedentes relacionados con roubos con violencia e intimidación

19 abr 2018 . Actualizado ás 17:12 h.

R.B.C., veciño de Boiro, foi detido pola Garda Civil do posto do Milladoiro acusados de catro delitos relacionados co roubo de placas de matrícula e tenencia ilícita de armas na zona de Cacheiras, no municipio de Teo.

O home, que é un vello coñecido das forzas da orde e conta con numerosos antecedentes relacionados con roubos con violencia e intimidación, foi interceptado nun control rutineiro ao volante dun vehículo Mitsubishi cuxas placas de matrícula non coincidían co turismo. Por esta razón os axentes déronlle o alto, pero o condutor intentou darse á fuga, aínda que sen éxito. Segundo fontes da Garda Civil, tras identificar o home, realizouse unha inspección no vehículo que permitiu achar unha escopeta Beretta, modelo A 304 Silver Lark-12, con dous cartuchos e que figuraba como extraviada por un veciño da Pobra. Ademais, no interior do turismo tamén se atoparon pezas de camuflaxe, un coitelo, unha lanterna, luvas negras, un desaparafusador reversible, unha navalla multiusos e un par de cartuchos máis.

Polo tipo de obxectos que o detido portaba no coche a Garda Civil sospeita que podería estar preparando un roubo ou un atraco.

A matrícula

En canto ás placas de matrícula que levaba o vehículo interceptado, constaban como subtraídas nun taller de reparación a un coche da marca Peugeot. Segundo apuntaron fontes da Garda Civil, para facerse con elas R.B.C. tivo que acceder ao taller escalando un muro e un valado, polo que, ademais do delito de falsidade documental polo uso das matrículas, impútaselle un roubo con forza nas cousas para facerse coas placas de xeito ilícito, así como desobediencia grave aos axentes por darse á fuga cando lle deron o alto e tenencia ilícita de armas.