Ribeira con be ou con uve?

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla CRÓNICA

BARBANZA

18 abr 2018 . Actualizado ás 11:51 h.

En canto explotou a polémica púxenme en contacto cun bo amigo. Viches a que se montou co letreiro de Xarás? A súa resposta cativoume: «Cuestións sobre o sexo dos anxos que se discuten coma se fosen transcendentais». Non podía estar máis de acordo, ambos tiñamos claro que o tremendismo invadiríao todo. Fóra como fose, o debate volvía estar unha vez máis amais da mesa. Ribeira con be ou con uve?

A batalla dialéctica que se montou nas redes sociais reencontroume cun gran mestre que coñecín en Barcelona. Naquel entón viviamos en plena ebulición do proceso independentista, coa polémica acerca da opresión do castelán sobre o catalán incendiando a opinión pública. El, con sinxeleza, tombaba calquera discusión cunha simple frase: «Español ou catalán? Ambos son latíns mal falados». Quitaba ferro, ademais de argumentos, a dous bandos que crían estar en virtude da razón absoluta.

Nun duelo similar atopámonos tamén en Ribeira. Habitando no medio de dúas frontes, entre beístas e uveístas, vémonos aqueles a os que, despois de 34 anos debatendo sobre a mesma cantilena, impórtanos realmente pouco se o Concello decide emular a Hollywood cun letreiro na entrada. Por desgraza, segundo algúns, convertémonos/convertémosnos en inimigos do galego e en deturpadores do topónimo.

É por iso que cando me reencontro coa discusión sobre a be e a uve (reaparece unhas dúas ou tres veces por ano) imaxínome na terraza dunha cafetería charlando con Ortega e Gasset. «Míraos mozo, eles son as dúas España», di o filósofo mentres sorrí e se atusa un chapeu branco.

É ese debate eterno sobre as formas e non o fondo o que debilitou á esquerda desde a crise económica. Por que non falamos sobre cal é o mellor camiño para rematar co déficit estrutural que existe neste país? Por que o debate non incide nos retos que ten que afrontar Ribeira para chegar con forza ao 2030? Por que o único que nos leva a entrar en Facebook e conversar sobre o que é ou non é esta cidade é se se escribe con be ou con uve? Por que, como di ese bo amigo, pasamos os días discutindo sobre cal é o sexo dos anxos e non sobre cales son os problemas que temos que sacar adiante?

Por sorte, esta crise existencial entre be e uve rematará nuns días, fáganme caso, vino noutras ocasións. O 18 de maio teremos deixado de darlle importancia ao famoso letreiro de Xarás. A poucos lles chamará a atención, e ao resto sacaralle un sorriso. O que seguirá aí, será o transcendental, os verdadeiros problemas que afronta Ribeira.