Unha estrela que comeza a despuntar

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O intérprete noiés suma unha vintena de papeis en series e curtos, e prepara o seu salto ao mercado nacional

25 mares 2018 . Actualizado ás 09:18 h.

Hai persoas que, cando se lles mete algo entre cella e cella, loitan ata conseguilo. Martín Vázquez (Noia, 1985) é unha delas. Desde sempre quixo ser actor, pero a vida non llo puxo nada doado ata que puido cumprir o seu soño. De feito, non foi ata que sumou 27 anos cando puido formarse na Escola de Teatro Pábulo de Santiago e empezar a traballar do que realmente lle gustaba.

Antes, como el mesmo confesa, tocou todos os sectores. «Eu sempre quixen ser actor, pero víao como algo inalcanzable. Púxenme a currar moi cedo, aos 18 anos, e traballei de mil cosas: de carpinteiro, fun ao mar, reponedor dun supermercado, nos incendios, de camareiro...». Con todo, nunca se quitou da cabeza pórse diante dunha cámara, «e, cando me vin que tiña tempo e diñeiro, funme probar e quedei encantado. E desde ese día ata hoxe».

Durante o tempo de formación na escola teatral xa lle empezaron a saír os seus primeiros personaxes en curtametraxes, obras de teatro e vídeos musicais. Logo seguiu especializándose, con varios cursos na Coruña e Madrid, que lle abriron as portas á súa entrada no mundo das series de televisión. «Ao principio eran papeis de figuración, pero aos poucos fun conseguindo ter máis presenza e déronme un personaxe na serie Fontealba durante setenta capítulos».

Serramoura, Urxencias cero, Ou faro, Pazo de familia, Viradeira ou Caseiros foron outras das ficcións nas que Martín Vázquez fíxose un oco, ao mesmo tempo que as compaxinaba con espectáculos de teatro -Balas perdidas ou Blanco e en botella-, curtos, videoclips e anuncios publicitarios. Ademais, como non podía ser doutro xeito sendo de Noia, tamén tivo o seu espazo na serie do momento, Fariña, que lle permitiu dar o salto ao mercado nacional.

 Precisamente, para afianzar a súa carreira, decidiu marcharse a Madrid, onde hai moita máis oferta laboral. «En Galicia xa me coñecen as produtoras e pódenme chamar cando queiran, pero quixen probar na capital, porque tarde ou cedo sabía que tería que acabar alí», explica o actor noiés, que nestes momentos está realizando varios cástings para series, tanto nacionais como galegas, ao mesmo tempo que aproveita para seguir formándose.

 É consciente de que o traballo de actor está cheo de altibaixos, con épocas con moitos papeis e outras nas que non aparece nada, pero el sabe que é o que quere facer, e que se necesita traballar doutra cousa mentres non aparece un contrato, non ten ningún problema en facelo. «É polo que apostei e é un camiño moi longo, pero estou a levalo da mellor forma posible, e non teño problema en compaxinalo con outros traballos», di.

E é que, teno clarísimo, a interpretación é a súa vida. «Como lle pasa a toda a xente cando fai algo que realmente lle gusta, non o ves como un traballo. Isto é para o meu como xogar, divertirme, o que me dá a felicidade», confesa o noiés, que soña con interpretar un personaxe de malo malísimo. Di que soa moi típico, «pero son papeis nos que máis che cambia a personalidade, que experimentas cos teus sentimentos e psicoloxía, porque é unha situación que nunca farías na vida real».

Premios

Aínda que o noiés vive desde decembro en Madrid, esta semana volveu a Galicia a realizar un cásting e a asistir á entrega dos premios María Casares, onde coincidiu con varios compañeiros e amigos. «Algúns levaron premios e foi xenial ver como outra xeración empezamos a recibir premios, que somos outra fornada de actores que estamos aquí detrás empurrando», apunta, ao mesmo tempo que non se obsesiona se non recibe ningún. «Prefiro estar a traballar e sen premios, que levarme un e logo estar en casa agardando a que me chamen».

Para el, o mellor recoñecemento sería poder triunfar no mercado nacional «e levar o apelido da miña nai moi alto. Moita xente dicíame que me puxese como nome artístico Martín Suárez, porque Martín Vázquez era o futbolista, pero eu sempre lle dixen a ela que o seu apelido ía soar, e agardemos que así sexa. Débollo todo aos meus pais e aos meus dous irmáns, que me apoiaron todo e máis».

Formación. Estudou interpretación na Escola de Teatro Pábulo, realizou o Curso Intensivo de Interpretación de Voz Audiovisual, e outros máis específicos de voz, danza e canto.

 Traballos. Participou nas series Serramoura, Urxencias cero, Fontealba, Fariña ou Viradeira, entre outras.