Autorretrato. Manuel Romero

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

23 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Como subxénero do retrato, o autorretrato dáse a ver no século XV, disimulado nunha escena ou entre outros personaxes, como é o caso de Van Eyck, reflectido no espello en Matrimonio Arnolfini, ou Botticelli na Adoración dous Magos. Intre en que, á luz do humanismo renacentista, o pintor pasa, co teórico L. B. Alberti, de «artesán» a «artista liberal», e o autorretrato vai ser o testemuño dese novo estatus social. É o caso por exemplo de Durero, que se configura como Cristo e logo como aristócrata (poder creador e nobreza).

No século XVII, Rembrandt, asiduo ao autorretrato, déixanos o seu «diario íntimo» pintado que, ao longo da vida, sobre fondo neutro e sen detalles narrativos, acentúa a expresión e a vida interior e, nesa liña, o gran Goya cos seus (auto)retratos, Van Gogh e a súa convulsa vida emocional, ou, se queremos, a mexicana Frida Kahlo nos anos 30 do século XX.

Manuel Romero sabe, con Proust, que a arte é sempre creación e desdobramento de mundos autobiográficos. E no caso do autorretrato, vemos a copia da imaxe do pintor, á vez modelo, reflectida no espello, xamais o orixinal; o retratado e o retratista ao «outro lado» como conxunción de rostro e espírito.

No fondo, todos somos e perduramos como imaxe, ou non somos: na auga, no espello... ou noutros ollos. Pero o artista perdura como autoimaxe reproducida. Esa é a súa parcela de inmortalidade á primeira vista, a súa parte de narcisismo cumprida. Vese mirándose reflexivamente: de aí o ollo «que ves e que te ve» machadiano. Manuel Romero, artista, segue a celebrar a éxtase do «estadio do espello» lacaniano, esa «pulsión escópica» ou desexo de mirar(se). E nós aceptamos de boa fe a fidelidade entre pintor-modelo-imaxe-retrato, inda que N. Rockwell co seu Triplo autorretrato en «mise en abyme» nos ensina que non sempre é así.

Forma de resistencia

A arte verdadeira é unha forma de resistencia diante da exigüidade do tempo, obsesión, reflexión, autoafirmación e exaltación do eu. Pero, neste caso de autorretrato confidente, sen pretextos nin mediacións, ofrécese nun exercicio punzante de introspección e autoexame, sen rede, en diálogo frontal e entrecruzado co espectador nun xogo de olladas recíprocas e coniventes.

Un retrato pode ser, por definición, recoñecible. E en Manuel Romero, tamén psicolóxico. E se admitimos que «a cara é o espello da alma», aceptemos que a fisiognomía (pretendida ciencia ou discutible arte) nos poida falar do carácter, da personalidade ou mesmo das inclinacións morais a través da fisionomía. Oculta filosofía, talvez, pero de gran predicamento e simpatía, como tan esplendidamente estudou Caro Baroja na súa Historia da fisiognómica.

Pois, autoafirmación, asertividade, franqueza, achegamento, modestia, firmeza, intelixencia, tesón, carácter forte e sereno, ollada aberta, sinceridade, melancolía, poder de ensimesmamento, imaxinación, certo retraemento, afabilidade, equilibrio, ponderación, ousadía... polo menos!