Casados e velados

patricia torrado queiruga

BARBANZA

cedida

As velacións debían outorgarse nun prazo máximo de seis meses despois do matrimonio

23 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se nos poñemos a investigar nalgún arquivo parroquial, o máis normal é atopar entre os libros sacramentais bautizados, confirmados, casados e defuntos, mais tamén podemos atopar entre estes libros o título Casados e Velados nas partidas que van dende o 1700 ata o 1908.

Pois ben, se nun comezo se acordaba a conveniencia ou non dun xuntoiro, as familias reuníanse para dar o visto e prace, acordar a data da voda e planear o futuro dos novos casados, así como as cousas que achegaría cada un dos contraentes ao matrimonio. Así, logo de falar co cura párroco, tiñan que pasar arredor dun mes «publicados» ao que adoitamos chamar as «monicións» que, segundo o decreto Tametsi do Concilio de Trento, debían facerse tres veces en días de festa seguidos, na igrexa, e durante a misa maior, por se fose o caso de que alguén tivese algo que dicir ou en que opoñerse á administración do sacramento.

As velacións, chamadas tamén «beizóns nupciais», non son expresamente necesarias, pero logo do antedito concilio dicíase que, sen elas, o matrimonio «semellaba non ter toda a fermosura e solemnidade adecuada».

Esas beizóns só podían administrarse se antes non se tiñan feito, sobre a muller; é dicir, se había segundas nupcias, poderían darse sempre que a muller non fose bendita con anterioridade, segundo o rito romano. Polo que se as primeiras nupcias do home se celebraban cunha viúva, fose ou non virxe, non se podían outorgar esas beizóns, e aínda que o outro matrimonio da muller fose referido nulo non se volvía velar.

Así mesmo, os preceptos eclesiásticos do momento prohibían que as velacións se celebrasen dende o primeiro domingo de advento ata a epifanía, contando ambos os dous, e dende o mércores de cinza ata o domingo «in albis».

Cabe dicir que ata o referido Concilio non se lle dera forma canónica á celebración matrimonial, e foi nel cando comezaron a establecerse as diferentes etapas da mesma -compromiso, consentimento e beizón nupcial­-. As velacións correspondían a esta última etapa, pois debían outorgarse nun prazo máximo de seis meses despois do matrimonio, e ata esa data non se debía ter contacto carnal, como se manifesta na sesión 24 do tridentino De reformatione circa matrimonium.

Temos por un lado voda e por outro a velación, que esixían a presenza dun crego e de dúas testemuñas. Para o último destes actos empregábase unha candea e un xugo (ou unha corda como símbolo), intervindo os padriños a ambos lados, suxeitando todos candeas nas súas mans, e aos noivos cubríanos cun veo: de aí o nome do cerimonial. A noiva ía tapada por completo e o noivo cubría só os ombros, pois el era libre. Se unha parella estaba casada e velada, podían consumar o matrimonio e convivir. É máis, curiosamente, se a parella non fora velada, os contraentes non sairían da patria potestade dos pais, a muller non recibiría herdanzas e os fillos da parella en cuestión quedarían baixo a potestade do avó e non do pai, sobre todo se aqueles foran concibidos antes da velación.

Neste cerimonial, se ben non se pedía nada por parte do clero, era deber dos noivos deixar unha substanciosa esmola para os administradores da mesma.