Por todo hai que pagar un prezo

Francisco Brea
Fran Brea CRÓNICA

BARBANZA

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nunca chove a gusto de todos. É ben certo que é imposible ter contento a todo o mundo, e tamén o é que parece que a opinión dos descontentos ten máis repercusión a pesar de que, moitas veces, son unha minoría. A celebración de probas deportivas nunha localidade atrae a moita xente, dá vida a un pobo e ofrece unha alternativa de lecer a uns veciños acostumados a que nas rúas non pase nada. Unha carreira popular, por exemplo, adoita provocar que os viandantes aplaudan e acirren aos deportistas para darlles ánimos, pero á súa vez implica que haxa vías cortadas ao tráfico.

Cando se toca este punto aparece o conflito. Que durante unhas horas dun día non se poida circular co coche por certas rúas sempre enfada a algún aldeán. Para min, os motivos do cabreo só poden ser dous: ou ben ten moito tempo libre ou está acostumado subirse ao coche para facer calquera recado. Pode haber unha terceira opción, aínda que agora non se me ocorre. O normal é que a diario protesten os mesmos. E o habitual é que o fagan cando hai unha cita deportiva polo medio. Está mellor visto que se pechen varias rúas para que desfilen as comparsas en entroido ou para que as imaxes e os seus devotos saian en procesión durante a Semana Santa que para que centos ou miles de persoas compitan utilizando unha estrada ou un centro urbano como escenario. E iso que desfiles en honra a don Carnal e comitivas repletas de amantes dos santos repítense durante varios días consecutivos.

Sorprendeume ver onte tan molesto ao alcalde de Boiro cando asegurou que as críticas que se realizaron o pasado ano tras a celebración do Campionato de España de Dúatlon por clubs estiveron a piques de provocar que a proba non volvese á localidade. Non me chamou a atención o seu enfado, senón que a opinión duns cantos chegase a pór en perigo o vínculo que xa existe entre a competición e o municipio barbancés. Ao final, todos estas citas multitudinarias, ben sexan deportivas ou festivas, fanse nun pobo para atraer xente. Canta máis mellor, porque iso supón máis petos e iso implica máis billetes para gastar.

Persoalmente, hai tempo que aprendín que nada é gratis. Se se quere algo hai que pagalo. Do mesmo xeito que se che fai falta comida vas ao supermercado ou se necesitas uns pantalóns á tenda de roupa, para que a xente gaste a pasta no teu concello tes que ofrecer algo atractivo e isto tampouco está libre de peaxe. Para que miles de persoas veñan a Boiro a un dúatlon hai que cortar rúas, non hai outro remedio. Serán unhas horas durante dous días, tampouco parece un prezo tan alto que pagar por unha fin de semana diferente.