Cando a néboa confunde a autovía de Barbanza cun aeroporto de Londres

r. igrexas RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Aínda que na comarca a choiva é un fenómeno meteorolóxico que non adoita pillar desprevido a ningún veciño, estes días a autovía foi máis difícil de cruzar que de costume

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Con todas as súas forzas se agarraron ao volante os condutores que esta semana circularon pola autovía de Barbanza. Á néboa -que puido facilmente confundir a estrada cun aeroporto de Londres- uníronse as intensas choivas. Nalgúns tramos a visibilidade era practicamente nula e quen manexaban os vehículos debían reducir a velocidade por baixo dos límites establecidos para non perder o control.

Aínda que na comarca a choiva é un fenómeno meteorolóxico que non adoita pillar desprevido a ningún veciño, estes días a autovía foi máis difícil de cruzar que de costume. O asfalto atópase en bo estado na maioría dos tramos, pero as bolsas de auga comezaron a facer a súa aparición e con elas o perigoso aquaplaning. Os limpaparabrisas movíanse a toda velocidade, ao mesmo tempo que se acendían as luces antinéboa, aínda que pouco se pode facer cando o tempo se pon así de feo.

As recomendacións da DXT

Aínda que a teoría a coñecen a maioría dos condutores, as nocións non sempre se aplicaron estes días na autovía barbancesa. Os perigos da néboa son principalmente a redución drástica da visibilidade, o aumento das posibilidades de alcance e a diminución da capacidade de freado, xa que o firme está húmido aínda que a choiva non faga a súa aparición.

A DXT recomenda tomar como referencia a liña da beiravía ou a outros vehículos sen forzar a marcha e respectar unha maior distancia de separación frontal. A todo iso hai que sumarlle o aceso das luces antinéboa traseiras e aconséllase abandonar a vía, se fose necesario, ata que se despexe a néboa.