A Fiscalía pide cinco e tres anos de cárcere para dous homes que se agrediron cunha barra de metal

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A vista terá lugar este martes, ás dez da mañá, na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Fiscalía solicita cinco anos de cárcere para un home que, en marzo do 2007, acudiu a unha casa de turismo rural situada no partido xudicial de Muros e comezou a pegar cunha barra de ferro á propietaria do negocio. Esta foi defendida polo seu marido, quen forcexou co agresor ata que lle arrebatou o barrote co que finalmente lle acabaría golpeando, motivo polo que tamén se sentará no banco dos acusados para responder por un delito de lesións polo que se lle piden tres anos de prisión.

A vista terá lugar este martes, ás dez da mañá, na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña e os tres protagonistas terán que rememorar o sucedido esa tarde de hai 11 anos. Segundo o escrito de acusación, o primeiro procesado chegou á casa de turismo rural ás 14.25 horas, e tras agredir á muller e pelexar co marido desta marchouse, para logo regresar cunha fouce, coa que volveu encerellarse co esposo, momento no que este aproveitou para propinarlle un golpe na cabeza coa barra de ferro que lle arrebatou no primeiro ataque.

Como consecuencia das lesións, a muller tivo que estar hospitalizada durante 11 días e tardou en curarse das feridas máis dun ano, polo que se lle reclama ao agresor unha indemnización de 20.000 euros. Pola súa banda, ao marido pídeselle que pague ao outro imputado 770 euros polas secuelas.