Amas de casa convertidas en choqueiras

La Voz

BARBANZA

As asociacións de Noia e A Pobra celebraron ceas de disfraces con concurso e baile incluídos

15 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai mellor escusa que o entroido para deixar voar a imaxinación, apartar a vergoña e saír da casa con moitas ganas de diversión. As integrantes do colectivo Amas de Casa de Noia véñeno facendo desde o ano 1985 de forma ininterrompida. Ataviadas con orixinais vestimentas, cítanse ao redor dun exquisito banquete para gozar dunha intensa noite.

A pasada fin de semana repetiuse a estampa no restaurante do Club Náutico de Portosín. Acudiron case medio centenar de mulleres e todas as que se disfrazaron levaron premio a casa, en forma de lotes de lacón, chourizos e botellas de viño. Iso si, os halagos foron para o grupo que desfilou con modelos de Ágata Ruiz da Prada, as integrantes da terceira idade e as mosqueteiras. Quedaron nesta orde no ránking que elaborou un xurado formado por catro socias.

O sorteo de agasallos doados por casa comerciais do municipio, un baile animado polo grupo Branca Dobre e un cóctel formado por risos e amena conversación completaron unha velada que, se as previsións se cumpren, terá continuidade no futuro: «De momento non fallamos un ano e a idea é seguir», comentaba onte a presidenta do colectivo, Elena López. Aproveitaba para citar ás socias para a próxima festa. Será a finais de xuño, a modo de peche do curso e arranque do verán.

Diversión na Pobra

Tamén Amas de Casa pobrense tivo a súa tradicional cea de entroido. Foi o luns e contou coa asistencia de case corenta comensais. Nin que dicir ten que a diversión estivo presente durante a longa noite, que se prolongou co consabido baile.

Para caldear o ambiente, o colectivo que preside Mari Carmen Lijó montou un concurso de disfraces. Unha parella ataviada con glamurosas roupaxes propias da época medieval, unha anciá cun enorme traseiro e un mariachi levaron os tres primeiros. O bo sabor de boca que deixou a cita fai prever que terá continuuidad.