Repetindo propósitos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

18 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Desisto. Este ano non fixen propósitos de aninovo. Vale, si, prometo deixar de prometer. Para que? Admitámolo, nunca se cumpren. E ademais, como diría unha amiga miña, é un pouco estupidez facer propósitos para un ano novo cando a realidade é que o cambio de ciclo comeza en setembro, co final do verán e das vacacións e o comezo dun longo -aínda que nos últimos anos foi máis livián- inverno. A estas alturas, xa levamos superado practicamente o ecuador e contamos os tres meses escasos que quedan para a primavera e comezar a albiscar un novo e soleado estío.

Non é cuestión de sentar cátedra nin de dicirlle a ninguén o que ten que facer, pero todos deberiamos asumir que os propósitos que se fan con cada mes de xaneiro non serven de nada. Ir ao ximnasio (que non apuntarse, iso si o cumprimos moitos), aprender inglés, facer algún curso, ver menos a televisión e ler máis ou mellorar a dieta son obxectivos, por poñer unha restra de exemplos socorridos por unha ampla porcentaxe da poboación, que acaban esquecidos para recuperalos tralas badaladas do seguinte 31 de decembro.

Isto tamén é aplicable aos responsables políticos, non sei se no seu ámbito privado, pero si no que atinxe á súa función pública. Igual que quen comeza o ano convencido de que, esta vez si, iniciará a súa traxectoria como runner afeccionado, os alcaldes dan inicio a un novo período con propósitos que acaban repetindo ao cabo de 12 meses ante a falta de resultados. Posiblemente non sexa culpa súa, ou cando menos non toda, porque cando se fala do ámbito das Administracións as responsabilidades adoitan estar repartidas e a burocracia é o que ten, que vai lenta, pero o certo é que hai anuncios e propostas que se repiten exercicio tras exercicio sen que se traduzan en realidades.

Son varios os exemplos aplicables aos concellos da bisbarra barbancesa. De feito, hai distintos momentos do ano nos que os alcaldes falan de determinados proxectos a modo de propósitos, como cando a Xunta e o Goberno central aproban os seus respectivos orzamentos e os rexedores saen á palestra convencidos de que nas partidas xenéricas atoparán financiamento para actuacións como a rehabilitación do pazo de Goiáns ou o cine París, ou para continuar coa rexeneración da ría de Noia ou iniciar a variante de Portosín. Igual pasa coas contratacións. Un ano tras outro anúnciase a convocatoria de prazas para, por exemplo, paliar as carencias que afectan a practicamente todos os corpos de Policía Local da comarca. Pero acaba decembro e todo segue igual. Agora vai ser a Xunta a que leve a cabo un proceso conxunto para atallar de vez o problema. Veremos se desta vai ou para o ano repetimos propósito.