Un pequeno carreiro peonil saqueado polos vándalos

Ana Lorenzo Fernández
L. sarmiento RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

En varios tramos do percorrido faltan parte das varandas, que os ladróns roubaron para fabricar tubos de escape

18 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un dos núcleos pobrenses que rexistra maior crecemento urbanístico na actualidade está situado na zona da Ribeiriña, no límite con Boiro e situado aos pés de numerosas praias. Hai anos que dispón dunha pequena senda peonil intermitente que discorre paralela á costa e que ultimamente se converteu nun punto de atracción dos vándalos.

O obxecto de desexo dos delincuentes son as varandas que protexen aos viandantes para impedir que se caian aos areais, situados varios metros máis abaixo. Ditas estruturas están formadas por tubos metálicos que, segundo apuntan os veciños, «os ladróns utilizan logo para fabricar tubos de escape». Desde o goberno local están ao tanto desta situación e, segundo explicou o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, «no ano 2015 repuxemos todos os anacos que roubaron, e ao pouco tempo volveron desaparecer». Por este motivo, desde o Concello estase estudando a posibilidade de cambiar esa balaustrada «por outra dun material que non resulte tan atractivo».

Aínda que o paseo da Ribeiriña foi limpado e arrombado recentemente, presenta unha serie de deficiencias que veñen provocadas polo paso do tempo, posto que o chan de lousas -das que faltan varias ao longo do percorrido- hase gretado nalgunhas zonas como consecuencia da cesión do terreo, provocando que unha parte do trazado estea nivelado e outro faga unha pequena costa.

Tamén hai unha gran rampla de acceso á praia que presenta varios problemas: o primeiro é o seu excesivo desnivel, que fai que os usuarios teñan serias dificultades para chegar á area a través delas, ou mesmo para subir algunha embarcación, aínda que hai moito tempo que non se utiliza para esta función. O segundo inconveniente é que a forza das mareas fixo que perda parte das laxas de pedra que a cubrían, e que agora están espalladas pola praia, algunhas xa bastante enterradas.

Ademais, tamén existe un pequeno parque infantil ao que lle fai falta unha man de chapa e pintura, e cuxas vistas non son as mellores, posto que está situado ao lado das instalacións da antiga fábrica de Hadasa.

Muro pendente de arranxar

Paralelo ao paseo, na zona do Camiño Real, hai un muro de contención que veu abaixo hai xa dous anos e que aínda está pendente de arranxar, o que obriga a ter cortado ao tráfico parte do pequeno viario de circulación que discorre por esta zona.

Desde o Concello pobrense xa se lle reclamou ao propietario do terreo en varias ocasións que o reconstrúa, e dar un prazo de tempo para levar a cabo a actuación.