O comercio premia a fidelidade

La Voz

BARBANZA

As patronais de Ribeira e A Pobra realizaron os sorteos correspondentes á campaña do Nadal

17 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Nadal é un dos períodos do ano no que máis compras se realizan e as tendas da comarca sempre tratan de aproveitala para fidelizar aos seus clientes mediante a organización de sorteos. Agora, pasado o trafego, toca realizar sorteos e entregar premios. E nestes procesos están inmersas agora mesmo varias patronais de Barbanza.

Noia Histórica xa puxo o broche á súa campaña comercial do Nadal, coa entrega do escaparate que sorteou a Saladina Saez Moledo. A afortunada recibiu, de mans do presidente da entidade, Francisco Pérez, un vale por importe de 500 euros, pero o valor do conxunto dos produtos, entre os que hai un televisor e un xamón, ascende a 3.000 euros. O acto contou coa presenza dunha representante da paquetería O Merliño, establecemento que entregou a rifa gañadora.

Máis de 100.00 rifas

En Ribeira aínda falta por localizar aos posuidores dos 31 premios que se concederon no marco da campaña que activou a patronal local e que contou coa participación de 81 negocios. No sorteo entraron 100.750 papeletas e o dono da 41.199 levará o premio gordo, un vale por importe de 500 euros.

O sorteo contou coa presenza do responsable da patronal, Antonio Miranda; do vicepresidente, Juan Manuel Sampedro; do secretario, Manuel García; así como dun nutrido grupo de comerciantes. Os afortunados teñen ata o próximo día 31 para entregar os seus boletos na sede da asociación.

Unhas 70.000 papeletas

E na Pobra foron 70.000 as papeletas que entraron na gran caixa que se instalou na praza de abastos, onde tivo lugar o sorteo. Neste caso, como os boletos tiñan nome, xa se coñeceu a identidade dos afortunados. Rosa Pimentel fíxose co premios máis importante, un vale de 300 euros. No mesmo acto se rifaron unha ducia de cestas entre os usuarios do propio mercado.