Un tesouro arquitectónico entre puntais

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A demolición dos tabiques interiores evidencia a inxente tarefa que suporá a rehabilitación do Casino de Noia

16 ene 2018 . Actualizado ás 05:10 h.

A vila noiesa está chea de tesouros patrimoniais e arquitectónicos, e as obras que se iniciaron hai unhas semanas permitiron destripar un deles. O edificio do antigo Casino está en plena fase de demolición de tabiques e estruturas interiores, o que converteu o inmoble nunha mobilización de puntais que sosteñen un armazón máis fráxil do que se pensaba inicialmente. Os anos de abandono afectaron nunha construción emblemática, un edificio do que aínda se albiscan restos da súa importancia entre as súas maltreitas paredes.

A primeira fase da rehabilitación está a consistir na derriba dos tabiques interiores para deixar espazos diáfanos nas tres plantes e dos falsos teitos. Isto puxo en evidencia o mal estado no que se atopa a estrutura, ata o punto de que será necesario un novo informe para que Patrimonio autorice a substitución das vigas en peor estado.

Ao tratarse dun edificio catalogado, debería respectarse toda a estrutura, pero teitos e pisos son de madeira e a carcoma e a humidade han causados danos que en moitos casos son irreparables, polo que haberá que substituír máis elementos dos que se cría orixinalmente para garantir as condicións de seguridade do inmoble.

Tamén a escalinata de madeira, que parece que vaia a vir abaixo nalgún momento, terá que ser reposta, aínda que se conservará o impoñente pasamanos orixinal.

Fieis reproducións

Tamén as balconadas de forxa da fachada, moito máis impresionantes vistas de preto, conservaranse, aínda que hai anacos que están completamente desfeitos que haberá que substituír.

Neste caso, igual que cos elementos ornamentais do interior, como as molduras e rosetones de escaiola que adornaban os teitos, reproduciranse seguindo o modelo orixinal para respectar na medida dos posible a estética do Casino. Tres cuartos do mesmo sucederá coa carpintería exterior.