Manuel Antonio París : Un novo hostaleiro ao pé do Camiño

xoán r. alvite MAZARICOS / CORRESPONDENTE

BARBANZA

alvite

O veciño de Mazaricos estrearase no sector abrindo un cámping para peregrinos

16 ene 2018 . Actualizado ás 05:15 h.

Mazaricos está a piques de se converter no primeiro concello de Galicia que dispoña dunha zona de acampada turística enfocada de xeito principal á atención dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, neste caso, a prolongación da ruta xacobea cara Fisterra. Localízase na parroquia de Corzón -este será, precisamente, o seu nome oficial- e o seu promotor é Manuel Antonio París Blanco, un mozo sen vinculación previa coa hostalería, pero que decidiu apostar por este sector para encamiñar o seu futuro laboral. «É, probablemente, a decisión máis importante que tomei na miña vida, porque para min, ata fai pouco tempo, isto era totalmente descoñecido», recoñece o mozo mentres ultima os detalles para a apertura do establecemento que está prevista para finais de febreiro.

«A nosa intención é a de empezar a funcionar plenamente antes da Semana Santa e aproveitar o comezo da campaña a ver como se dan as cousas e que acollida ten algo tan novo coma isto. Despois de tanto tempo, a verdade é que teño moitas ganas de poder abrir», apunta o ilusionado mazaricán que, despois de catro anos de complicadas xestións, logrou cumprir co seu soño. «Falan moito de axudar aos mozos, de promover a instalación de empresas no rural pero a realidade é que non resulta nada sinxelo ser emprendedor tal e como están as cousas. Hai un exceso de burocracia e un proteccionismo desproporcionado cara determinadas cousas», explica, ao tempo que sinala que a súa intención inicial era a de abrir un albergue de peregrinos e que, por mor de distintas normas relativas á clasificación do chan e á proximidade a espazos protexidos, tivo que cambiar para cámping turístico.

«É un concepto novo de aloxamento. En vez de lle dar unha habitación ao peregrino, o que facemos é cederlle un espazo para colocar a súa tenda de campaña. O que si lle ofrecemos é a posibilidade de asearse e outros servizos complementarios coma os de restauración ou de aluguer de bicicletas», explica París Blanco na porta do establecemento que ten capacidade para doce prazas e que se atopa situado nun entorno privilexiado ao pé mesmo da ruta xacobea ao seu paso polo lugar de Busto.

Vistas privilexiadas

A parcela que dou pé a este innovador proxecto turístico atópase nun alto desde o que se pode contemplar unha vista privilexiada das grandes praderías mazaricás, do río Xallas e das ladeiras do monte Ruña. «Como temos unha carballeira con excelentes vistas desde o campamento, pensamos incluso na posibilidade de establecer unha zona de relax ou lectura á sombra das árbores», apunta o hostaleiro, que non dubida en cualificar como unha «revolución total» o crecemento que está a vivir o municipio no ámbito turístico.

«Nos últimos dous ou tres anos, aquí abriron ou están a piques de facelo máis dunha ducia de establecementos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago. A zona ten un potencial enorme e nos últimos tempos apareceron moitas persoas, na súa maior parte mozos, dispostas a aproveitalo», sinala Manuel Antonio París, que tamén recoñece o importante esforzo que está a facer o Concello para potenciar o turismo vinculado ao Camiño de Santiago.

«Ademais de formarme pola miña conta e visitar outros establecementos, tamén tiven a sorte de asistir, xunto con outros hostaleiros e da man do Concello, a feiras e encontros con operadores, onde nos demos conta do enorme tirón que segue a ter a prolongación xacobea do Camiño cara a Fisterra».

De feito, ao longo do último ano, foron máis de 25.000 os visitantes que pasaron polo municipio para completar esta ruta, segundo os datos do albergue público fisterrán.