O chifre esgota a paciencia do Noia

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SANDRA ALONSO

José Manuel Caamaño, presidente do club pretende reunirse co máximo responsable do colectivo arbitral

13 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Noia é un equipo de Terceira División por dereito propio. Despois de realizar unha tempada pasada inmaculada en Preferente, os noieses plantáronse esta campaña na máxima categoría do fútbol galego con ilusión e dispostos a ofrecer a súa mellor versión. Fíxoo na Copa Deputación, asombrando a moitos, pero en liga atravesa un momento complicado. O torneo estival pasou factura fisicamente ao persoal, que, ademais, perdeu a dous xogadores.

Por se isto fose pouco, o Noia atopouse con outro escollo: a arbitraxe. Os noieses están molestos coa actuación dos colexiados en diversos encontros e, por iso, o presidente, José Manuel Caamaño, quere reunirse co máximo responsable do colectivo arbitral autonómico.

O detonante

Caamaño decidiu dar o paso despois do último partido, no que o conxunto barbancés se mediu ao Céltiga na Illa de Arousa. O equipo dirixido por Jaime Sánchez caeu pola mínima e cunha acción que desatou o seu cólera. Antes do descanso, cos locais xa con vantaxe no marcador, Piñeiro foi derrubado na área. «O árbitro recoñeceu que hai contacto, pero dixo que fora leve. Foi clarísimo, non entendo como non o pitou. Poderíamos ter chegado aos vestiarios cun empate e animados e, sen embargo, entramos cabreados», explica o presidente.

O Noia gravou en vídeo a polémica acción e Caamaño ten a intención de mostrarlle as imaxes ao responsable dos árbitros: «Nun partido no que el estaba presente, tamén nos fixeron un penalti claro que non se pitou. Eu protesteille e escusouse dicindo que habería que velo pola televisión», indica o dirixente noiés. Por iso, esta vez ensinaralle a gravación para «contemplar a súa cara cando vexa a xogada e que me explique por que non se sancionou».

Os precedentes

O ocorrido na Illa foi a gota que colmou un vaso que comezou a encherse no Carballiño. Tras o duelo contra o Arenteiro, o presidente do Noia declarase: «O que pasou hoxe non é normal». Os barbanceses perderon nos últimos minutos por unha pena máxima que ninguén entendeu, cando antes poderían pitarlle unha a favor, e que, aínda por amais , supuxo a expulsión de Sánchez e de Bendaña. Nesa ocasión, os noieses aseguran que, no túnel de vestiarios, o colexiado faltoulles ao respecto, insinuando que non eran un equipo do nivel suficiente para competir en Terceira División.

En Santiago, contra o Compostela, o cabreo foi en aumento. «O segundo gol deles chega fóra de tempo, xa co desconto cumprido, e o terceiro precedido dunha falta a Ferreiro. É difícil pitar aos grandes. Eu non quero que nos axuden, pero pido que non nos prexudiquen», afirma Caamaño. Tamén se foi moi enfadada a afección de San Lázaro despois de que o colexiado indicase o final do encontro ante o Barco. Nesta ocasión, Ferreiro foi expulsado por protestar e os asistentes tiveron moita facilidade para levantar o banderín e sinalar foses de xogo en contra dos locais.

Uns puntos que teñen moito valor

 

O presidente do Noia bota contas e pensa que as decisións arbitrais polémicas aínda afunden máis ao equipo na táboa: «Non digo que sexa culpa deles que esteamos no descenso, pero con eses puntiños poderiamos estar fóra». Non lle falta razón, xa que están a tres puntos da salvación. «Quero que respecten aos clubs de abaixo, nós facemos un gran esforzo para pagar aos colexiados».