A policía detivo en Ribeira a un reincidente por conducir co carné retirado

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O barbancés conta con antecedentes por outros presuntos delitos contra a propiedade

13 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Policía Nacional de Ribeira detivo, durante a noite do luns, a un veciño da capital barbancesa, reincidente por conducir sen carné, sobre o que pesaba unha orde de busca e captura por parte dun xulgado de Betanzos. O motivo polo que reclamaban o seu arresto era por este motivo, xa que un xuíz lle retirou o permiso anteriormente. Segundo transcendeu, o ribeirense, que responde ás iniciais M.A.M.A., foi acusado tras a súa detención por cometer outra infracción máis contra a seguridade viaria.

No dispositivo de detención tamén participaron axentes da Policía Local de Ribeira, que deron cobertura aos compañeiros da Policía Nacional. Na mañá de onte, o home, que durmiu durante a noite do luns nos calabozos da comisaría ribeirense, pasou a disposición xudicial. O mesmo foi posto en liberdade con cargos por un presunto delito contra a seguridade viaria. O barbancés conta con antecedentes por outros presuntos delitos contra a propiedade.