Un miradoiro á ría de Arousa deslucido polo abandono urbanístico

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A zona pobrense está incluída nun proxecto de recuperación de Costas que se viu atrasado pola falta de orzamentos estatais

13 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Poucas persoas pode haber que non admiren a beleza de rías como a de Arousa, que na comarca pode contemplarse desde moi diversos ángulos e lugares. Un deles é o paseo pobrense do Areal, balcón dunhas sempre amigables augas, que tanto se aproveitan para servir de sustento económico mediante a recollida de bivalvo, como para darse un mergullo ou, se se prefire, practicar a náutica.

Con todo, a panorámica sobre a fértil ría vese embazada, alén da calzada, pola fachada urbanística, testemuña agora decadente de épocas mellores. Ao longo do trazado peonil, en dirección ao centro urbano da vila, o percorrido ofrece ao transeúnte a visión dunha sucesión de naves que van decaéndose de xeito paulatino. A estampa marítima perde parte do seu encanto. Menos mal que no tramo final do traxecto, xusto ao lado dunha construción que non se sabe canto tempo máis aguantará en pé, aparecen un par de casas, especialmente unha, que conserva intactas as tradicionais galerías galegas, coa súa correspondente cor branca e co lateral da casa empapelado con cunchas de vieira, para que non falte detalle.

Despois de ter rexenerado a marisma das Xunqueiras, a segunda fase do proxecto redactado polo Ministerio de Medio Ambiente prevía ampliar o paseo do Areal. Ademais, de modificar parcialmente o trazado da calzada, a actuación de Costas incluía a derriba de tres antigas fábricas, que figuran no catálogo municipal de bens protexidos.

Sen novidades

O anuncio de demolición das construcións fabrís xerou unha onda de alegacións, ata do Colexio de Arquitectos de Galicia. O actual goberno local afirmou que presentaría á Administración unha proposta alternativa para a súa reutilización.

Con todo, o tempo pasa e, por unha banda, nada se sabe da segunda fase do proxecto de rexeneración da zona, como tampouco da alternativa de uso das fábricas, se é que Costas acepta mantelas en pé.

As obras parece que tardarán en chegar ao lugar porque os orzamentos do Estado continúan sen aprobarse e tampouco existe constancia de que o investimento prometido vaia a materializarse.

Aínda por riba, parece que algúns titulares de propiedades nesa mazá manteñen desde hai tempo unha lea con Costas, precisamente sobre a titularidade das mesmas.

A este paso, para cando se logren resolver os contratempos xa non haberá naves que preservar. Basta con mirar as famosas fábricas para comprobar que agora teñen menos elementos en pé que cando empezou o proceso, e non son os únicos inmobles que se van caendo.