Os usuarios de Ambar volven converterse en estrelas do celuloide

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Está a piques de ver a luz a cuarta edición do calendario solidario, baseado en carteis de películas

08 dic 2017 . Actualizado ás 15:08 h.

A melodía do «volve, a casa volve, por Nadal» do anuncio de turrón, as colas ás portas das administracións de lotería buscando sorte para o sorteo do día 22, os interminables catálogos de xoguetes e as luces de cores son algúns dos clásicos que cada ano por estas datas anticipan a chegada das festas do Nadal. E a iso sumouse nos últimos tempos un aliciente máis que fai que moitos agarden decembro con inquietude: o calendario solidario de Ambar. Por cuarta ocasión consecutiva, os usuarios da asociación de persoas con discapacidade métense a estrelas do celuloide para recrear os carteis de exitosas películas.

Novamente, é o fotógrafo noiés Pichero quen se puxo detrás da cámara para inmortalizar aos integrantes de Ambar ataviados como os personaxes de recoñecidos filmes. O almanaque aínda está no forno, pero hai algúns segredos que xa se desvelaron. Por exemplo, esta vez farase unha pequena homenaxe ao cine español e a maioría dos carteis que se recrearán corresponden a películas da industria cinematográfica nacional. Así, os usuarios puxéronse na pel de Alicia e Lydia para a súa versión de Fale con ela, de Almodóvar; e empregáronse a fondo para facer o propia coa foto de Spanish movie, con fauno incluído.

Enorme implicación

Para conseguir que o resultado das fotografías non teña nada que envexar o orixinal é necesaria un gran implicación, empezando polos propios usuarios, que participan maioritariamente, e acabando polos profesionais da asociación, que se desviven para seleccionar os carteis das películas, adxudicar os papeis que representará cada un e conseguir o atrezo necesario. No traballo de caracterización tamén as familias botan unha man buscando a indumentaria adecuada, mentres que as profesionais da academia Yara encárganse de barbería e maquillaxe.

Despois de catro edicións do calendario solidario baseado en películas, calquera podería pensar que é pan comido para usuarios e traballadores do centro sacalo adiante, pero a expectación que xera o almanaque supón un reto cada ano: «Todos os anos o vivimos cun pouco de medo. Como sempre funcionou moi ben e o listón está moi alto, é difícil manter o nivel».

Os fans do calendario de Ambar (xa hai un bo número de exemplares encargados) e quen aínda non coñezan o traballo que realizan cada ano na asociación barbancesa terán a oportunidade de ver o resultado da nova entrega cinematográfica moi pronto.

A próxima semana

Se todo transcorre segundo o previsto, o almanaque porase á venda a partir do mércores da próxima semana. Isto será posible grazas á participación duns sesenta usuarios de Ambar e tamén á colaboración dos patrocinadores, Serdeco Contratas, Tarrío e Suárez, Bioambiental e un mecenas anónimo, que financian a impresión do calendario do 2018.